Escoitar

O Pleno aproba inicialmente a modificación da ordenanza municipal de ruídos

Cos votos favorables do PP e a abstención dos restantes grupos, o Pleno da Corporación aprobou inicialmente, hoxe luns, a modificación da ordenanza municipal de ruídos e declarou, así mesmo, como Zonas Acusticamente Saturadas (ZAS) 31 rúas na súa totalidade e outras tres de maneira parcial.

luns, 5 mar 2007
1173102791ruidopleno050207.jpg
Son zonas ZAS aquelas nas que se producen uns elevados niveis sonoros debido á existencia de numerosas actividades de ocio ou establecementos públicos, á actividade das persoas que os utilizan, ao ruído do tráfico en ditas zonas ou a calquera outra actividade que incida na saturación do nivel sonoro.

Segundo establece a nova redacción da ordenanza poderán ser declaradas ZAS aquelas zonas nas que o promedio semanal nocturno supere en máis de 15 decibelios os niveis máximos permitidos na emisión ao medio ambiente exterior, aínda cando cada actividade individualmente considerada cumpra cos niveis establecidos na propia ordenanza.

Deste xeito, o acordo da Xunta de Goberno aprobado inicialmente hoxe luns polo Pleno declara como ZAS na súa totalidade as rúas Alfonso XIII e Travesía Alfonso XIII, Areal, Canceleiro, Castelar, Cervantes, Churruca, Colón, Praza de Compostela, Concepción Arenal, García Olloqui, Gravina, E. Heraclio Botana, Iglesias Esponda, Inés Pérez de Ceta, Irmandiños, Isabel II, Lepanto, Luís Taboada, Martín Códax, Montero Ríos, Oporto, Pablo Morillo, Pontevedra, República Arxentina, Rrogelio Abalde, Rosalía de Castro, Roupeiro, Travesía Santiago de Vigo, Serafín Avendaño e Uruguai. As rúas declaradas como ZAS parcialmente son García Barbón (do número impar 1 ata o 137 e do número par 2 ata o 102), Isaac Peral (dos números pares 2 ao 8) e Urzáiz (do número 1 ao 49).

Esta declaración significará que nesas zonas non se outorgarán máis licenzas para actividades nocturnas como poden ser as de bares, pubs e discotecas. Ademais, a ordenanza modificada establece unha distancia mínima de 100 metros entre locais con música en todo Vigo.
Descargar todas as imaxes