Escoitar

A Concellaría da Muller distribuirá entre os centros escolares un xogo educativo sobre igualdade

A Concellaría da Muller vai distribuír entre os centros de ensino infantil e primario de Vigo o xogo "Planeta Igualdade", elaborado no marco dun programa municipal en colaboración con sete destes centros. Os que queiran tamén poderán xogar a "Planeta Igualdade" a través de Internet, visitando a páxina web do Concello.

luns, 5 mar 2007
1173100624planeta.jpg
O xogo consta dun taboleiro con 69 casiñas polas que os xogadores teñen que avanzar para ir do Planeta Desigualdade ao Planeta Igualdade, segundo os números que saquen nos dados. A maioría das casiñas inclúen reproducións de debuxos e collages feitos por alumnos de 6º de Primaria. Outras teñen símbolos especiais como unha lúa, que significa que o xogador que cae nela perde un turno, un foguete, que dá unha tirada adicional, ou unha circunferencia negra, que fai reroceder ata o comezo.

Ademais, o xogo propón, mediante cinco casiñas nas que se representa un símbolo de interrogación, outras tantas actividades relacionadas coa igualdade entre mulleres e homes, a corresponsabilidade, a non violencia de xénero, o emprego e o deporte. Estes xogos dentro do xogo teñen por obxectivo educar os nenos e as nenas a través de retos como inventar un lema igualitario, cantar un rap sobre corresponsabilidade, dar abrazos aos compañeiros e ás compañeiras de xogo, representar profesións como bombeira e bailarín ou atopar nunha sopa de letras deportes nos que a presenza das mulleres sexa minoritaria. As actividades son diferentes segundo a idade dos xogadores, e así hai unhas probas para nenos e nenas de 3 a 9 anos e outras para os que sobrepasen esta idade.

A concelleira da Muller, Lucía Molares, presentou hoxe venres "Planeta Igualdade" como "unha ferramenta máis" para avanzar no "camiño cara á igualdade". Molares lembrou que este proxecto se enmarca no "II Plan de acción municipal para combater a violencia contra as mulleres 2004-2007" e no "III Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2005-2007" do Concello de Vigo.

"Planeta Igualdade" naceu a partir do desenvolvemento do programa da Concellaría da Muller "Camiña con nós pola igualdade", que ten por obxectivo principal fomentar a educación en igualdade de oportunidades entre nenas e nenos desde a comunidade educativa, así como promover a coeducación para previr a violencia de xénero. Un total de 20 centros educativos e 1.750 alumnos e alumnas participaron nesta iniciativa no curso 2005-2006.

A elaboración do xogo "Planeta Igualdade" foi posible grazas aos alumnos de 6º de Primaria dos seguintes centros: Chans Bembrive, A Doblada, Escultor Acuña, Fonte Escura, Javier Sensat, Otero Pedraio e Santa Mariña.
Descargar todas as imaxes