Escoitar

O Pleno rexeita os orzamentos municipais para 2007

O Pleno da Corporación rexeitou hoxe luns os orzamentos municipais para 2007 presentados polo Goberno local. O PP foi o único grupo que os apoiou. PSdeG-PSOE e BNG votaron en contra e o PG abstívose.

luns, 29 xan 2007
1170081692pleno290107.jpg
Os orzamentos para 2007, que superarían nun 13% os de 2005 e alcanzarían a cifra récord de 212 millóns de euros, foron defendidos polo concelleiro de Economía e Facenda, Javier Guerra, en termos similares aos empregados no día da súa presentación, isto é, como un proxecto "realista, investidor, vertebrador" e cun "contido social indubidable".

Desde os asentos da oposición, María Luisa Graña, do PSdeG-PSOE, criticou o documento presentado polo Goberno municipal por carecer de proxecto, estar "cheo de parches e remendos" e non responder "ao que piden os cidadáns", que na súa opinión é máis "vivenda social, emprego e dinamización económica". "Nestas condicións o PSdeG-PSOE non lles vai dar un cheque en branco", concluíu Graña.

Henrique Viéitez, do BNG, acusou o Goberno municipal de "despilfarrar" a "herdanza da boa xestión" realizada por gobernos anteriores, cun incremento dos contratos de mantemento que non impide ter "servizos cada vez máis deficientes". Viéitez negou o apoio do seu grupo ao documento presentado polo PP e augurou que "será a próxima Corporación a que faga os orzamentos".

Pola súa parte, Manoel Soto, do PG, censurou o Goberno local por presentar un orzamento que "saben que non vai a nigures" e por usalo como "arma arreboladiza política contra a oposición".

Accesibilidade

No apartado das mocións, foi aprobada por unanimidade a presentada conxuntamente por BNG e PSdeG-PSOE para que se habiliten urxentemente as prazas de aparcamento necesarias para persoas con discapacidades no contorno da Alameda e do Centro Cultural Caixanova.

A moción insta, ademais, á realización dunha campaña de sensibilización para a posta en marcha de medidas relacionadas coa accesibilidade, así como á convocatoria urxente do Consello Municipal de Accesibilidade. A proposta de BNG e PSdeG-PSOE aprobouse cunha engádega do PG, que demandou a realización dun estudo para determinar as necesidades de aparcamento para persoas con discapacidade en todo Vigo.

ETEA

Finalmente, tamén se aprobou por unanimidade unha moción do BNG pola que se insta á alcaldesa, Corina Porro, a dirixirse, en calidade de presidenta do Pleno do Consorcio da Zona Franca, ao delegado do Estado e ao mesmo Pleno para que poñan a disposición da cidadanía de Vigo, e particularmente dos habitantes do barrio de Teis, as instalacións deportivas da ETEA.

1170081692pleno290107.jpg
1170081716plenoguerra290107.jpg
Descargar todas as imaxes