Escoitar

Continúa o ciclo de animación á lectura para nenos no Verbum

O museo Verbum-Casa das Palabras quere consolidarse como referente e lugar de aprendizaxe e lecer nas mañás dos domingos para os máis pequenos. Para iso, e despois das exitosas sesións de contacontos destes dous meses pasados, ofrece neste mes de xaneiro un ciclo de animación á lectura para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

venres, 26 xan 2007
1169814029lecturaverbum.jpg
A realización deste ciclo correrá a cargo de Xandobela (Xestión e Dinamización Sociocultural), empresa formada recentemente por pedagogos, educadores sociais e monitores de lecer e tempo libre cunha ampla experiencia no traballo sociocultural, con actividades de compromiso coa cultura galega, promoción e fomento do uso do galego, ecoloxía, cultura participativa e solidariedade enfocadas nos máis pequenos.

O obxectivo desta iniciativa é que os cativos sintan a lectura e a comunicación como algo divertido. Para iso, o Verbum acollerá un conxunto de actividades que inclúe murais, elaboración de bonecos, xoguetes, contos e manualidades, con tempo para a recreación da creatividade propia de cada rapaz.

O ciclo de iniciación á lectura continúa este domingo e finalizará o 4 de febreiro. O horario é de 12.00 a 13.30 horas e o prezo, de 1 euro.

Exposicións

Por outra parte, continúan abertas ao público na planta baixa do Verbum as exposicións "Cinco anos de BD banda. Escolma dos novos creadores de banda deseñada galega" e "O xogo e o xoguete". Os visitantes poden acceder a esta planta polo prezo de 1 euro e ver calquera destas dúas exposicións ou as dúas, se o desexan, de martes a domingo en horario de 10.00 a 19.00 horas. Os luns o museo está cerrado.

"Cinco anos de BD banda. Escolma dos novos creadores de banda deseñada galega" é o título da mostra de cómic que se poderá ver ata o próximo 11 de febreiro. Componse de obras orixinais de 34 autores galegos de cómic que publicaron ao longo do último lustro na revista "BD Banda".

"O xogo e o xoguete" permanecerá no Verbum ata a fin do curso escolar. Esta mostra está organizada coa colaboración da Fundación Raquel Chaves, que achega máis de 1.000 referencias pertencentes aos seus fondos.
Descargar todas as imaxes