Escoitar
Reformular Noites Vivas, aprender a beber, escolas de pais e información sexual son medidas en estudio

Xuventude deseña un plan para reconducir os efectos negativos do ”botellón”

luns, 25 feb 2002
O concelleiro Santiago Domínguez mantivo unha xuntanza con representantes xuvenís para debater e analizar a situación derivada do consumo excesivo de alcohol por parte dos mozos. Estudiáronse medidas de carácter preventivo e alternativas de ocio para realizar na cidade.

O Concello toma novas iniciativas para facer fronte ó fenómeno sociolóxico coñecido como ”botellón”, entre as que se baralla ofrecer máis lugares para disfrutar do ocio nocturno e dun xeito diferente. Trátase dun plan de choque que contará coa coordenación doutros efectivos municipais e a participación dos propios mozos coas súas propostas.

Prestarlle cada vez máis atención ós mozos axudará a amortecer as consecuencias negativas deste hábito xuvenil de divertirse en lugares públicos. Intentar que os veciños deixen de padecer molestias por ruídos e as consecuencias de falta de limpeza destas zonas son algúns dos desexos municipais, centrados tamén en propoñerlles ós mozos fórmulas para disfrutar creativa e libremente do seu ocio, os seus praceres e o seu corpo.

A Concellería de Xuventude coordenarase con outros efectivos municipais e cidadáns relacionados coa limpeza urbana, a seguridade, o coidado de parques e xardíns, as vocalías xuvenís das asociacións de veciños e outros colectivos sociais e cidadáns relacionados con este asunto.

O Concello está convencido de que as medidas estrictamente policiais son as menos oportunas para abordar o problema, polo que o plan que se está deseñado incluirá medidas como modificar o formato de ”Noites Vivas” e estendelo a todo o ano debido á enorme receptividade deste programa municipal.

Crearanse, ademais, escolas de pais e nais para ofrecerlles ós proxenitores foros de formación, debate e discusión sobre cómo debe abordarse a idade da adolescencia, así como mecanismos para favorecer ó máximo a información sexual e a prevención do abuso do alcohol e as drogas.

Ademais, a Concellería dará un novo pulo ó programa Brigadas Verdes, en colaboración co grupo ecoloxista Erva e outros colectivos xuvenís da cidade con accións que se estenderán do Monte do Castro a outros lugares nos que puideran detectarse os efectos negativos do ”botellón”.

Outras medidas indirectamente relacionadas coa oferta de ocio consistirán en incrementar o número de locais para ensaio de grupos musicais e amplialo con novas actividades para promover concertos e actuacións, impulsar o programa de actividades ”Súbete ó Castro”, ampliar o horario da Casa da Xuventude e abrir un novo centro xuvenil na rúa Uruguai.