Escoitar

O Concello toma medidas ante a chegada da tormenta tropical Gordon

Concelleiros e responsables de varios servizos municipais reuníronse hoxe mércores a primeira hora da mañá para prepararen a resposta do Concello á chegada, a partir das últimas horas da noite, dos restos do furacán Gordon, que se prevé deixen ventos de ata 120 kilómetros por hora e chuvias que poden chegar aos 60 litros por metro cadrado.

mércores, 20 set 2006
1158760139gordon200906.jpg
Na reunión participaron, a través dos seus respectivos responsables, os servizos de Bombeiros, Protección Civil, Policía Local, Limpeza, Parques e Xardíns, Vías e Obras, Seguridade, xunto cos concelleiros responsables desas áreas, José Manuel Figueroa, Antonio Coello e Carlos Comesaña, e unha representación de aqualia.

Os asistentes á xuntanza decidiron que, en función da evolución do temporal, a Policía Local podería cerrar na noite de hoxe mércores para mañá xoves aqueles túneles da cidade onde habitualmente se producen inundacións; isto é, os túneles de Praza América, Praza de España e Martínez Garrido.

Ademais, hoxe mércores, durante todo o día, técnicos e persoal de concesionarios dos servizos municipais revisarán os seguintes elementos co fin de garantir a seguranza dos cidadáns ante os fortes ventos que se prevén: rede semafórica, contedores, alumeado público, árbores. Aqueles elementos que supoñan un risco serán retirados.

Así mesmo, Protección Civil, a Policía Local e os Bombeiros estarán en alerta. Os bombeiros, concretamente, terán un retén preparado as 24 horas e a Policía Local contará cun dispositivo de reforzo na súa emisora.

Peche das escolas infantís

Por outra parte, as catro escolas infantís municipais -Santa Cristina (Lavadores), Atalaia (Teis), Santa Marta (Casco Vello) e Costeira (Saiáns), permanecerán sen actividade durante o día de mañá (xoves, 21 de setembro de 2006), tal e como recomenda a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, debido ao anuncio do temporal que afectará á Comunidade Autónoma.

O peche afectará a un total de 217 alumnos das escolas infantís municipais.
Descargar todas as imaxes