Escoitar

O Concello organiza unha marcha ciclista para apoiar o Día sen Coches

Este venres celébrase en distintas cidades do mundo o Día sen Coches, unha xornada de autorreflexión sobre o uso dun medio de transporte responsable, xunto con outros vehículos, do 10% das emisións de dióxido de carbono de Europa. O Concello de Vigo apoia esta medida organizando unha marcha ciclista pola cidade para o domingo 24.

martes, 19 set 2006
1158672013bicimarcha190906.jpg
Ese día, os que queiran participar na Marcha deberán reunirse a partir das 10:00 na Praza de Compostela, de onde sairán nas súas bicicletas ás 11:00. O percorrido da Marcha será o seguinte: praza de Compostela, Areal, O Porto, García Barbón, Policarpo Sanz, Paseo de Alfonso, López Mora, Coruña, Beiramar, Eduardo Cabello, Bouzas (onde se realizará unha parada) e de regreso á praza de Compostela por Eduardo Cabello, Beiramar, Cánovas del Castillo e Montero Ríos.

A Marcha Ciclista é organizada polas concellarías de Deportes e Mobilidade, coa colaboración de Coca-Cola, El Corte Inglés, Frutas Nieves, o Club Ciclista Vigués e PSA Peugeot Citroën.

O concelleiro de Mobilidade, Antonio Coello, presentou hoxe martes este evento como unha mostra do "compromiso co medio ambiente" e da "política permanente de tráfico sostible" do Goberno local, baseada na busca dunha circulación de vehículos máis sosegada, a ampliación de espazos para os peóns, o incremento de prazas de aparcamento subterráneas, a modernización do transporte público e da rede semafórica e a creación de novos carrís para autobuses e bicicletas.

Antonio Coello anunciou que o venres 22, Día sen Coches, as liñas C1, C2, Inversa e, por primeira vez este ano, a C4, serán gratuítas. Estas catro liñas soman arredor de 20.000 viaxeiros diarios. Segundo afirmou o concelleiro, esta medida ampliarase "en anos sucesivos" ata conseguir que o Día sen Coches sexa unha data de transporte público gratuíto para todos os cidadáns.
Descargar todas as imaxes