Escoitar

Presentada a memoria de actividades da Policía Local de 2005

O concelleiro de Seguridade, Circulación e Transportes, Antonio Coello, e o xefe da Policía Local, Carmelo del Castillo, presentaron hoxe luns a memoria de actividades deste corpo correspondente a 2005.

luns, 18 set 2006
1158586879policiamemoria180906.jpg
O documento conta con 118 páxinas nos que se informa, a través de gráficos, táboas e fotografías a cor, das accións levadas a cabo pola Policía Local en 2005 no desempeño dos servizos que ofrece aos cidadáns: Relacións Cidadás, Policía Administrativa, Seguridade Cidadá, Servizos Humanitarios, Seguridade Viaria, Educación Viaria, Atestados, Tecnoloxía e Innovación e Servizo Uniformado de Gran Gala.

Antonio Coello quixo aproveitar a ocasión para agradecer aos policías locais o seu labor "cada día máis humano" ao servizo dos cidadáns. Pola súa parte, Carmelo del Castillo pasou a salientar as cifras máis significativas de 2005.

Así, referiuse á entrega duns 1.500 obxectos perdidos aos seus respectivos propietarios; á tramitación, por parte da Oficina Administrativa, duns 6.500 certificados de convivencia; ás intervencións en servizos humanitarios (282), preventivas de actos vandálicos (5.020) e con vehículos abandonados (935).

A memoria da Policía Local tamén se refire ao balance de 412 detidos no ámbito da seguridade cidadá, con intervencións como as 42 detencións por violencia de xénero, 22 por danos, 25 por roubo con intimidación, 13 por agresións, 51 por desobediencia grave, 78 por roubo ou receptación, 21 por furtos e 34 por requerimento xudicial.

No ámbito da seguridade viaria, competencia exclusiva e principal do corpo, sobresaen entre as infraccións máis sancionadas as arredor de 13.700 por exceso de velocidade, 9.375 por estacionar en zona de carga e descarga, 7.600 por non empregar o cinto de seguridade e unha cifra similar por usar o teléfono móbil durante a condución, ademais das 2.475 por non empregar o casco de protección.

Ademais, realizáronse 2.710 probas de alcoholemia, das que 1.120 tiveron resultado positivo, e leváronse a cabo cursos de educación viaria, aos que asistiron, en 2005, máis de 11.000 alumnos de centros de Educación Primaria de Vigo, e aos que se prevé que asistan máis de 17.000 este ano.

Ante estes datos, o xefe da Policía Local resumiu o sentir dos seus compañeiros afirmando que "nos sentimos orgullosos de servir a Vigo" cunha "nova filosofía" baseada na "modernización, transparencia e compromiso" dos integrantes do corpo de seguridade municipal.
Descargar todas as imaxes