Escoitar

Máis diñeiro para a asistencia a drogodependentes

A Unidade Asistencial de Drogodependencias CEDRO, entidade xestionada polo Concello de Vigo, recibirá algo máis de 529.000 euros da Consellería de Sanidade para o desenvolvemento das súas actividades durante este ano.

martes, 19 set 2006
1158669033Cedro3.jpg
Interior de CEDRO
Esta cantidade é o resultado da suma de 179.000 euros aos 350.000 establecidos nun acordo autorizado pola Xunta de Galicia en xaneiro, polo que se prorroga o convenio de cooperación entre o Concello e a Consellería vixente en 2005. A nova achega da administración autonómica figura nunha addenda do pasado 1 de setembro ao mencionado acordo de prórroga.

En virtude dos compromisos alcanzados entre o Concello e a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias do SERGAS, CEDRO deberá dar continuidade aos programas e servizos conveniados en 2005, polos que veu desenvolvendo, entre outras tarefas, as de información, orientación, acollida, desintoxicación, prevención de recaídas, diminución de dano, asistencia domiciliaria, intervención con colectivos específicos, abordaxe e prevención de situacións de violencia familiar, avaliación psicolóxica, tratamento en réximes residencial e semirresidencial e administración de derivados opiáceos a través dunha unidade móbil.

Ademais, a Unidade Asistencial de Drogodependencias implantará novas actividades. Así, no campo da asistencia, desenvolverá un protocolo de tratamento para a dependencia á nicotina, mentres que no da investigación realizará un estudo para avaliar a eficacia dos programas de tratamento con derivados opiáceos. Así mesmo, CEDRO iniciará accións coordinadas coa rede de saúde mental do SERGAS e co programa de prevención "Alternativa", dirixido a mozos e mozas con denuncias por consumo ou posesión de drogas en lugares públicos.

Por outra parte, o Concello e a Xunta establecen unha serie de obxectivos de calidade de obrigado cumprimento por parte de CEDRO. Estes obxectivos refírense a diversos aspectos do labor asistencial de CEDRO, como o número mínimo de intervencións asistenciais en réximes ambulatorio, semiresidencial e residencial; a porcentaxe máxima de abandonos nos diferentes tratamentos ambulatorios, e o mantemento da media de 2005 de casos atendidos ao día por categoría profesional, que é de 11 para os médicos, seis para os psicólogos e cinco para os traballadores sociais.

Por último, a Unidade Asistencial de Drogodependencias verá incrementado o seu cadro de persoal coa contratación dun médico e a consolidación da contratación dun ATS/DUE.
Descargar todas as imaxes