Escoitar

A "Cidade do Atlántico" busca sona internacional como destino turístico

A alcaldesa, Corina Porro, e a concelleira de Turismo, Lucía Molares, presentaron hoxe mércores os novos proxectos turísticos para os anos 2006 e 2007. Con eles, o Goberno municipal quere avanzar sobre o xa conseguido co programa de traballo actualmente vixente e posicionar a Vigo, a medio prazo, como cidade de referencia do turismo náutico-urbano do Atlántico peninsular.

mércores, 20 set 2006
1158758446turismoCamp200906.jpg
Os novos proxectos para o futuro turístico da cidade forman parte dun marco estratéxico froito da avaliación por parte do Concello dos obxectivos marcados polo programa de traballo de Turismo de Vigo 2004-2007. O Goberno local considera que "se van cumprindo as expectativas creadas" por este programa, polo que definiu xa tres "accións prioritarias" para o 2006-2007. Estas accións irían encamiñadas ao posicionamento internacional de Vigo como produto de turismo náutico-urbano de referencia da costa atlántica peninsular, baixo a marca de "Cidade do Atlántico".

A primeira destas accións consiste na creación do Vigo Convention & Business Bureau, unha entidade destinada a potenciar Vigo como cidade de congresos e reforzar o liderado que, de acordo coa Concellaría de Turismo, exerce "en canto á calidade das citas feirais e congresuais do Noroeste". O plan de traballo da Concellaría sitúa o "funcionamento pleno" desta infraestrutura no terceiro trimestre de 2007.

Por outra parte, Lucía Molares anunciou a incorporación do City Marketing á política de potenciación do turismo do Concello. O City Marketing é unha "innovadora ferramenta de xestión" que se emprega para realizar unha "continua análise competitiva da cidade" e "desenvolver as estratexias adecuadas" ao respecto. Segundo explicou a concelleira, o City Marketing permitirá reforzar a identidade viguesa, promocionar a imaxe da cidade tanto internarmente como no exterior e atinxir maiores cotas de desenvolvemento e benestar.

A política de City Marketing estará plenamente incorporada a partir do segundo trimestre do ano que vén á acción do Concello, que ademais buscará a colaboración institucional para que o conxunto da Área Metropolitana se vexa beneficiado por esta inicitiva.

A terceira das accións prioritarias previstas pola Concellaría de Turismo para o bienio 2006-2007 é a preparación dunha "aposta catalizadora de renovación da cidade", denominada "Vigo 2009". O obxectivo da Concellaría é que, coincidindo co bicentenario da Reconquista, 2009 sexa o ano da "presentación ao mundo dun Vigo máis dinámico e moderno", o que se conseguiría por medio dun "grande evento de negocios, cultura e lecer" que propicie o "lanzamento" da cidade "como nodo clave no Atlántico".

Programa 2004-2007

En referencia a estes proxectos, Corina Porro salientou a importancia de potenciar "Vigo como marca" no panorama turístico internacional. A alcaldesa sinalou que Vigo debe especializarse no campo do turismo náutico e diversificar a súa economía para converterse nunha cidade de servizos. Nesta empresa, afirmou, será necesario "sumar esforzos" das administracións, institucións e axentes sociais.

Corina Porro prognosticou que "Vigo será protagonista do mercado turístico" en 2009, grazas a eventos como o Desafío Atlántico de Grandes Veleiros, regata anteriormente coñecida como Cutty Sark.

Segundo a alcaldesa, o protagonismo que alcanzará Vigo nesa data será resultado do traballo previo realizado no marco do programa de Turismo de Vigo 2004-2007, en virtude do cal se teñen levado a cabo en Vigo diversas actuacións para modificar o espazo turístico (obras nas rúas, sinalización e iluminación de monumentos, posta en marcha do proxecto de Auditorio-Pazo de Congresos) e mellorar os servizos de destino e crear novos produtos (novas oficinas de turismo, mellora do bus turístico, creación dunha tarxeta e dunha axenda de Turismo, fomento dos deportes náuticos, etc.).

Así mesmo, a alcaldesa lembrou o labor desenvolvido polo Concello para promocionar Vigo como destino turístico, reforzando a política de comunicación e comercialización da cidade. Así, levouse a cabo a campaña "Siente la llamada", editouse novo material promocional, elaborouse unha liña de merchandising e aumentouse a presenza de Turismo de Vigo en feiras, con dúas novas citas anuais en Milán e París. Este traballo será continuado con novas iniciativas, como a próxima renovación do portal web de Turismo de Vigo e unha nova campaña promocional.
Descargar todas as imaxes