Escoitar

Turismo de Vigo incrementa a súa oferta cunha ruta guiada polo monte do Castro

A concelleira de Turismo, Lucía Molares, presentou hoxe mércores o programa "100 minutos de natureza", consistente nun percorrido guiado polo monte do Castro. A nova ruta unirase ás outras rutas gratuítas xa existentes, "100 minutos de cultura" e "100 minutos de mar".

mércores, 12 abr 2006
1144843905lucia120406.jpg
Lucía Molares afirmou que, con "100 minutos de natureza", o Concello "quere seguir incrementando a oferta turística"de Vigo, tal e como pretende o Plan de Actuacións de Turismo de Vigo 2005-2007 para promocionar a cidade entre os visitantes e cidadáns.

"100 minutos de natureza" contará con guías cualificados que levarán un máximo de 15-20 persoas polos lugares máis significativos do monte do Castro. Así, a ruta parte da Fortaleza, pasa polos monumentos de Martín Códax, Curros Enríquez, As Áncoras, o poboado castrexo e acaba no forte de San Sebastián.

Ao pé das esculturas dedicadas a Martín Códax e Curros Enríquez os visitantes serán introducidos nas vidas do trobador medieval e do poeta do renacemento literario galego, dúas pezas claves na historia de Vigo e de Galicia. Á altura das Áncoras, os guías relatan o episodio épico de máis sona dos que ocorreron en Vigo: a Batalla de Rande. A parada no poboado castrexo da ladeira norte do monte servirá para que os participantes se acheguen á memoria dos primeiros habitantes da cidade.

Outro dos atractivos da ruta "100 minutos de natureza" é que o monte do Castro ofrece aos visitantes unha visión xeral de Vigo e do seu porto, ao ser un miradoiro privilexiado da cidade e da súa Ría.

A novo itinerario nace tras o éxito das súas irmáns maiores, "100 minutos de mar" e "100 minutos de cultura". Turismo de Vigo ofrece, así, un completo programa para que os turistas teñan unha imaxe dos principais percorridos polo centro histórico da cidade e as zonas vinculadas ao mar e á natureza. No que vai de abril, máis de 100 persoas participaron nas rutas, e durante todo o 2006 foron máis de 350.

A información sobre horarios e frecuencia das rutas pódese consultar na oficina de turismo da Pedra (r/ Teófilo Llorente, 5) ou chamando ao 986 22 47 57. Os percorridos poderanse concertar no mesmo día, aínda que sexa festivo, sempre que non estean cubertas as prazas. As tres rutas de Turismo de Vigo pódense realizar os 365 días do ano, en horario a convir entre as 10:00 e as 14:00 e as 16:00 e 19:30 horas.
Descargar todas as imaxes