Escoitar

O Concello renova o seu apoio á Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos

Por terceiro ano consecutivo, o Concello subvencionará as actividades da "Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos", desta vez achegándolle 10.000 euros.

martes, 11 abr 2006
1144760793marcha5.jpg
De acordo co proxecto de convenio de colaboración aprobado onte luns pola Xunta de Goberno Local, o Concello comprométese a financiar con 10.000 euros os consumos de teléfono, luz e distribución postal, así como o abono de salarios, publicidade e os gastos de formación e desprazamento das mediadoras da "Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos".

A axuda destinarase ás actividades que a Asociación levará a cabo durante 2006, e será aboada do seguinte xeito: 3.500 euros entregaranse coa sinatura do convenio; 3.000, no mes de xuño; e os restantes 3.500 en decembro.

Con esta iniciativa conxunta, o Concello quere colaborar coa Rede de Mulleres Veciñais no seu labor de axuda a todas as mulleres que sofren violencia de xénero e que manifestan o seu desexo de ser axudadas pola Rede.

As accións da Rede procuran acabar coa violencia de xénero dun xeito integral e global, tal e como contempla o II Plan de Acción Municipal para combater a Violencia contra as Mulleres 2004-2007. Entre as actividades desenvolvidas pola Asociación está a atención ás mulleres da Casa de Acollida.

Centro de documentación "Alecrín"

Así mesmo, a Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo á concesión, por parte do Concello, dunha axuda de 24.000 euros para garantir o libre acceso do público ao Centro de Documentación e Biblioteca "Alecrín" (CDBA), sito na rúa García Barbón, 30-5º oficina 8.

O CBDA realizará, entre outros servizos, o de difundir de maneira selectiva información ás asociacións de mulleres e centros de ensino públicos de Vigo, realizar o seguimento do BOE, BOP e DOG en canto aos temas relacionados coa muller e de interese específico da Concellaría da Muller, e manter e actualizar a súa páxina web, na que se deberán publicitar os seus servizos.

Segundo o proxecto de convenio entre o Grupo de Estudos sobre a Condición da Muller "Alecrín" e a Concellaría da Muller, o horario do CDBA será de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00, de luns a venres, excepto cando rixa o horario especial de verán, que será de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00.

"Punto informa"

Por outra parte, a Concellaría da Muller entregaralle unha subvención de 18.390 euros á Asociación de Mulleres "Dorna" para apoiar o mantemento do "Punto Informa" do barrio de Coia. De acordo co aprobado pola Xunta de Goberno Local, o "Punto Informa" ofrecerá, ás mulleres que o demanden, información xeral de interese, especialmente a que favoreza a igualdade de oportunidades. Esta actividade levarase a cabo nos locais alugados pola Asociación de Mulleres "Dorna" con tal fin.

Ademais, coa subvención da Concellaría da Muller, a Asociación de Mulleres "Dorna" organizará o obradoiro permanente de formación para mulleres "Expresión vital e formación teatral", cun mínimo de 100 horas de clases e 20 alumnas. As mulleres maltratadas terán prioridade á hora de matricularse.
Descargar todas as imaxes