Escoitar

O Servizo de Educación distribuirá entre as escolas material didáctico sobre África

O Servizo de Educación do Concello de Vigo distribuirá entre 33 centros de ensino a maleta pedagóxica "Tan preto, tan lonxe… África", deseñada e elaborada pola ONG "Jóvenes del Tercer Mundo". Segundo explicou o concelleiro Ignacio López-Chaves, esta iniciativa pretende contribuír a "fomentar unha conciencia de multiculturalidade" nos alumnos e nos profesores, "para que os nenos se adapten á nova sociedade".

venres, 24 mar 2006
1143209905africa.jpg
A maleta inclúe unidades e fichas de traballo, DVD con documentais e propostas complementarias, un CD de música e contos africanos. Xunto con este material ofrécese a posibilidade de solicitar actividades específicas para o alumnado, como charlas de experiencias de voluntariado e/ou obradoiros de cadros de area. Tanto o material didáctico como as actividades específicas estarán adaptadas aos distintos niveis educativos, desde infantil a bacharelato.

A maleta didáctica que o Concello repartirá entre 33 centros de ensino forma parte da campaña do mesmo nome, organizada pola ONG "Jóvenes del Tercer Mundo". Dentro desta campaña estase a levar a cabo tamén unha exposición itinerante sobre África, que actualmente pode visitarse no centro escolar "María Auxiliadora". Esta exposición estará ademais na praza Elíptica do 6 ao 16 de abril.

Por outra parte, a campaña "Tan preto, tan lonxe… África" incluirá obradoiro africanos para que os seus participantes coñezan a riqueza cultural e os valores positivos do continente veciño. Estes obradorios terán lugar na praza Elíptica do 8 ao 12 de abril, de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00.

Por último, como actividade complementaria á campaña está a desenvolverse no Cine Salesianos o ciclo "Africa, na gran pantalla", dentro do cal se proxectan, cada mércores ás 21:00 ata o 12 de abril, películas de temática africana.
Descargar todas as imaxes