Escoitar

Protección Civil ofrece unha comida homenaxe aos seus voluntarios

Protección Civil ofrecerá o martes, co gallo do Día Internacional do Voluntariado, unha comida para homenaxear a súa agrupación de voluntarios. Ao evento asistirán o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, o concelleiro de Tráfico, Antonio Coello, a concelleira de Distrito Marisol Polo e autoridades portuguesas.

luns, 5 dec 2005
Durante o acto, que terá lugar no restarurante Herminia, do Alto dos Valos (Mos), os voluntarios de Protección Civil recibirán o Diploma de Honor e a Medalla de Ouro ao mérito humanitario concedida pola Confederación Luso-Galaica, "pola colaboración que veñen prestando ás feiras Vigoferia e Expogalaecia e polo grande labor humanitario que desenvolven desinteresadamente".

Tamén se entregarán diversos obsequios doados pola Confederación de Empresarios de Pontevedra e outros establecementos e entidades de Vigo. Deste xeito, os membros de Protección Civil verán recoñecidos os seus traballos, entre os cales figura o desenvolvido nos eventos relacionados coa Volvo Ocean Race.