Escoitar

Aprobado un incremento de 65.000 euros no presuposto de Urbanismo

O orzamento deste ano da Xerencia Municipal de Urbanismo ampliarase en 65.000 euros para retribuír a productividade dos traballadores deste organismo autónomo. PP, BNG e PG deron luz verde a esta medida baseándose, principalmente, no incremento de horas de traballo que supuxo para o persoal da Xerencia a tramitación pública do Plan Xeral.

xoves, 20 out 2005
1129813626xeren2010.jpg
A exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) requiriu unha especial dedicación do persoal da Xerencia de Urbanismo, tanto pola intesidade do traballo como por ter que superar continuamente os horarios habituais.

Así, entre o 15 de febreiro e o 15 de abril, o edificio da Escola de Artes e Oficios acolleu unha oficina desprazada de información e rexistro urbanístico, que estivo aberta ao público de luns a venres en horario de mañá e tarde e os sábados de mañá. As horas realizadas fóra da xornada habitual nesta oficina foron 560.

Ademais, o persoal da Xerencia de Urbanismo, especialmente os administrativos, tiveron que facer fronte de abril a xuño ás 60.700 alegacións recibidas no trámite de información pública do PXOM. Neste caso, os traballadores, ademais de recibiren as alegacións, tiveron que proceder ao seu rexistro informático, ordenalas, numeralas e fotocopialas para dispor dos tres xogos de alegacións necesarios. O persoal da Xerencia dedicou a este traballo 910 horas.

Por outra parte, os 65.000 euros que se engaden ao orzamento da Xerencia de Urbanismo, coa abstención do PSdeG-PSOE, poderán permitir tamén a retribución de esforzos eventuais e especiais do persoal deste organismo autónomo, recoñecendo así funcións realizadas polos seus traballadores e que superan as propias de cada posto.

Segregación en Navia

Na reunión do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo celebrada hoxe, á parte da adopción desta medida, deuse conta dun expediente no cal se estima a solicitude formulada por Xestur sobre a segregación dunha parcela de 2.500 metros cadrados no Plan Parcial de Navia. A finalidade desta segregación é o establecemento dun complexo parroquial de uso relixioso por parte da Diócese de Tui-Vigo.

Por último, o Consello da Xerencia aprobou a constitución da Xunta de Compensación do polígono 3 do PERI IV-01-San Roque A, e acordou a recepción das obras de urbanización da UE 1 do PERI Sensat.
Descargar todas as imaxes