Escoitar

Marta Iglesias visita o centro ocupacional para enfermos psíquicos situado na rúa Romil

A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, visitou hoxe mércores o centro ocupacional da asociación de axuda ao enfermo psíquico DOA, situado na rúa Romil, para "coñecelo de primeira man". O Concello colabora con DOA a través dun convenio para o desenvolvemento de actividades de rehabilitación.

mércores, 19 out 2005
1129727806taichi.jpeg
O centro ocupacional de DOA vén funcionando na rúa Romil desde 1994, ano en que se trasladou desde a súa anterior sede no Areal, e na actualidade atende entre 60 e 70 enfermos psíquicos crónicos, na súa maioría mozos. Segundo a directora do centro, a psicóloga Fina Otero, o que se pretende neste lugar é conseguir a rehabilitación psicosocial, laboral e familiar destas persoas.

Para iso, os enfermos participan en diversos talleres, en grupos de catro ou cinco. Deste xeito poden desenvolver as súas capacidades a través de actividades tales como costura, cerámica, gravado, xardinería, óleo e acuarela. Tamén poden tomar parte en xogos de mesa, aprender a cociñar e facer tai-chi.

Fina Otero salienta a importancia destes talleres para os enfermos psíquicos e afirma que "é fundamental telos activos, porque a falta de actividade cronifica a situación" dunhas persoas que presentan unha "motivación bastante deteriorada".

Ademais do seu labor neste centro, a asociación DOA colabora co Servizo de Atención a Domicilio e xestiona economicamente seis pisos de rehabilitación nos cales vive un promedio de catro enfermos psíquicos crónicos. Os traballos de rehabilitación que se desenvolven nestes pisos son desempeñados por persoal de psiquiatría do SERGAS.
1129727806taichi.jpeg
1129727882taller.jpeg
Descargar todas as imaxes