Escoitar

As árbores do xénero "populus" da avenida de Castelao serán substituídas de maneira gradual

Operarios municipais están a talar 40 árbores do xénero "populus" na avenida de Castelao, en previsión de problemas en canto a tipos de poda e lonxevidade que poderían presentar no futuro. No seu lugar plantaranse árbores de especies máis axeitadas ás condicións desta zona verde.

mércores, 19 out 2005
A tala realízase no marco dun plan do Concello que contempla a súbstitución paulatina de todo o arboredo do xénero "populus" da avenida de Castelao por outras especies que atendan os criterios de adaptación á cidade.

Para determinar qué árbores se plantarán na avenida de Castelao teranse en conta as súas formas e tamaños, as sús posibilidades de enraizamento e a súa capacidade de desenvolvemento rápido e vigoroso nun espazo limitado en nun solo pouco aireado.

Tamén se preferirán as especies que non ocasionen perigo de accidentes, as que agromen de maneira temperá, as que manteñan a cor das súas follas durante toda a temporada e as que posúan un bo contraste de cor na súa follaxe outonal. A este último requisito sómase o dunha caída de follas no outono non moi prolongada.

Así mesmo, buscarase nas posibles substitutas, cando sexan de alto valor ornamental, unha floración ou peculiaridade atractiva e de longa duración. Tratándose de especies de folla caduca, primarán as que posúan un porte invernal de certo valor ornamental canto á súa estructura.

Por outra parte, o novo arboredo estará composto de varias especies para evitar o risco de desastre ecolóxico por causa de pragas ou enfermidades. En todo caso, buscaranse especies resistentes a estes males, así como ás secas, aos ventos, ás radiacións, ao pó e á contaminación.

Por último, o sistema de raíces das novas árbores non deberá danar o pavimento, os canos e as canalizacións, e os seus froitos e flores non deberán causar molestias aos cidadáns.