Escoitar

Destacados pensadores participarán en outubro nas XV Xornadas Filosóficas de Vigo

De onde vimos? Cara a onde imos? Estas son dúas preguntas frecuentes na historia do pensamento filosófico. As XV Xornadas de Filosofía de Vigo, que se desenvolverán do 18 ao 21 de outubro baixo o título de "A realidade humana: problemática actual da persoa", poden servir para acharlles resposta.

venres, 30 set 2005
1128087499xornadas1.jpg
As Xornadas, organizadas polo grupo Aletheia, terán lugar no salón de actos da Fundación Caixagalicia, que as patrocina xunto co Concello. O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, anima os cidadáns a participar neste evento, porque "un pobo que non pensa é un pobo sen futuro".

Pola súa parte, o vicepresidente do grupo Aletheia Emilio García Bonome asegurou hoxe venres durante a presentación das Xornadas que a calidade intelectual dos conferenciantes deste ano fai que o programa sexa dun "altísmo nivel", ademais de "compensado" e "atractivo para o público en xeral".

O martes 18 de outubro, despois da apertura das XV Xornadas, o catedrático de ética Camilo José Cela Conde falará, a partir das 17:00, dos correlatos entre as estructuras cerebrais e a conducta moral humana. O mesmo día, ás 19:00, Eduald Carbonell, codirector das excavacións de Atapuerca, iniciará a súa conferencia sobre "Evolución social e desenvolvemento tecnolóxico".

O colaborador da NASA e estudoso do cerebro Javier De Felipe abrirá a xornada do mércores 19 ás 17:00, para tratar dos aspectos comparativos deste órgano. Ás 19:30 será a vez de Jesús Mosterín, "seguramente o filósofo español máis coñecido internacionalmente", segundo Emilio García Bonome. Jesús Mosterín falará de "Natureza humana e xenoma humano".

O xoves 20, a partir das 17:00, José María Bermúdez de Castro impartirá unha conferencia titulada "Evolución humana: dieta, dentes e cerebro". Bermúdez de Castro, director das excavacións de Atapuerca, é na actualidade a principal referencia en España no seu campo de investigación, polo que a súa presenza nas Xornadas foi considerada "un privilexio" por Emilio García Bonome. Tamén o día 20 falará un dos principais teóricos da linguaxe a nivel mundial, Tecumseh Fitch. A súa conferencia leva por título "Evolución da linguaxe: Unha aproximación comparativa".

Finalmente, o venres 21 o especialista en Aristóteles Tomás Calvo tratará, a partir das 17:00, da natureza humana deste filósofo. Ás 20:00, a primatóloga Carmen Maté compartirá, na última conferencia, os seus coñecementos sobre a conducta dos homínidos.

Todas as conferencias, de entre unha hora e unha hora e media de duración, virán seguidas dun coloquio.
Descargar todas as imaxes