Escoitar

A Colección Fernández del Riego estará presente con dúas obras na exposición "Os artistas de Ánxel Casal"

A Colección Fernández del Riego, situada na Casa Galega da Cultura, contribuirá co préstamo de dúas obras á mostra "Os artistas de Ánxel Casal", que dende o 20 de outubro e hasta o 11 de decembro poderá visitarse no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

xoves, 29 set 2005
En concreto, as obras prestadas son "Retrato de Francisco Fernández del Riego" de Luis Seoane, e "Retrato de Castelao" de Carlos Maside, que forman parte da doazón que Francisco Fernández del Riego fixo ao Concello de Vigo no ano 1995 e que se albergan no Museo que leva o seu nome na Casa Galega da Cultura de Vigo.

A primeira das obras, é un retrato de Francisco Fernández del Riego datado en 1933 no que éste tiña tiña 18 anos e Seoane un ano máis. Ámbolos dous, grandes amigos, cursaban os seus estudos universitarios en Santiago. Naquela época Seoane xa manifestaba a súa vocación artística, debuxando a cotío e incluso apoiándose nas mesas de mármore do café santiagués onde tiñan lugar as súas habituais tertulias. No debuxo pódese observar a dedicatoria manuscrita do autor.

En canto ao retrato de Castelao, (de 34 x 27 centímetros) foi realizado por Carlos Maside no ano 1932. O autor, pintor de óleos, tiña unha grande afección ao gravado en madeira (xilografía), onde acadou unha significación especial, como é boa mostra este "Castelao". O artista Manuel Colmeiro o calificou moitas veces coma o mellor gravador en madeira.

Pola súa banda a exposición "Os artistas de Ánxel Casal", comisariada por Enrique Acuña, englóbase dentro das actividades programadas con motivo da declaración do ano 2005 "Ano de Ánxel Casal" polo Concello de Santiago de Compostela,

Este proxecto mostrará, nunha sección central, os libros editados por Ánxel Casal que serán expostos con tratamento de obra de arte independente. A Biblioteca Penzol contribúe nesta sección con 45 pezas de gran valor e nalgúns casos únicas (libros impresos, publicacións periódicas, follas soltas impresas, catálogos editoriais e carteis impresos).

A liña argumental da mostra complétase cunha sección introductoria con referenzas gráficas e cinematográficas aos artistas que traballaron para a imprenta Nós, como Castelao, Seoane, Maside e Colmeiro, entre outros.

O Museo Francisco Fernández del Riego, con sede na primeira planta da Casa Galega da Cultura, foi inaugurado en decembro de 1997, tras a aprobación, o 30 de xaneiro de 1995, do convenio de doazón de Francisco Fernández del Riego da súa biblioteca e obras de arte á cidade de Vigo.

Esta colección de arte constitúe unha mostra de gran valor e resulta unha viaxe pola plástica galega do século XX. Integran a colección pictórica, fundamentalmente, artistas contemporáneos de Del Riego: Laxeiro, Maside, Castelao, Julia Minguillón, Virxilio Blanco, Díaz Pardo, Sevillano, Prego de Oliver, Colmeiro ou Seoane.

As obras máis antigas corresponden a finais do século XIX, como os tres debuxos orixinais do pintor Ovidio Murguía, fillo de Rosalía de Castro e membro da Xeración Doente. Entre as máis recentes, hai cadros de artistas como Din Matamoro ou Alex Vázquez.

Tamén se poden atopar na colección obras dos escultores Failde Gago, Elena Colmeiro e Paco Pestana. Outros elementos, como as primeiras edicións dos seus libros, recordos ou galardóns, ilustran sobre a traxectoria exemplar do doador ó servicio de Galicia.

Así, en total, a colección está formada por 35 pinturas, 30 debuxos, 13 gravados, 13 fotografías e 15 esculturas. Ademáis están expostas 116 pezas: obxectos persoais e singulares, placas, condecoracións e medallas.
Maila que esta colección posúe por si mesma un gran valor artístico, engádeselle a este mérito a estreita vinculación das obras coa traxectoria persoal e intelectual de Fernández del Riego.