Escoitar

Vigo será tesetemuña dun eclipse anular o próximo luns pola mañá

O próximo luns, día 3 de outubro, Vigo será testemuña dun eclipse de sol anular, fenómeno que non se volverá dar nesta terra ata 2082. O Concello advirte que observar este eclipse pode causar graves danos na vista, se non se fai tomando as medidas de prevención axeitadas.

mércores, 28 set 2005
1127911536eclipse2.jpeg
Durante o eclipse, a sombra da lúa atravesará boa parte da Península Ibérica, desde Galicia ata a Comunidade Valenciana. Desde localidades como Vigo, Santiago de Compostela, Ourense, Valladolid, Madrid e Valencia, o fenómeno será visible como un eclipse anular. Noutras partes da Península, así como en Canarias, no norte de África e na maior parte das illas Baleares, o eclipse será parcial, se ben a lúa cubrirá unha considerable porción do sol.

A liña central da franxa na que o eclipse será anular pasará, entre outros puntos, por Madrid e Pontevedra, o que significa que nestes lugares se poderá chegar a contemplar como o sol e a lúa se sitúan concéntricamente, de tal xeito que aos ollos do observador o sol presentará o aspecto dun anel perfecto no ceo.

Como Vigo está situado ao sur desta liña central, aínda que non moi lonxe, aquí o centro do disco lunar estará lixeiramente desviado con respecto ao do sol e a fase máxima do fenómeno durará uns segundos menos que en Pontevedra. De todos modos, a nosa será unha das cidades onde mellor se poderá ver este eclipse, sempre que o tempo meteorolóxico o permita.

En Vigo, o inicio da fase parcial do eclipse, ou sexa, o momento en que o borde da lúa tocará o do sol por primeira vez, será ás 9:38. Ás 10:51, a lúa aparecerá completamente comprendida polo sol. Comezará así a fase anular, que alcanzará o seu máximo ás 10:53. O terceiro contacto, momento en que o disco lunar volverá tocar o borde do sol, producirase ás 10:55. A fin desta segunda fase parcial e do eclipse será ás 12:16.

Observación segura

Para contemplar este fenómeno en Vigo cunha maior claridade recoméndase ir ao Castro, xa que está situado nun lugar alto e ten horizontes despexados. Ademais, existe un conxunto de medidas preventivas para facer fronte aos riscos que para a vista supoñen os eclipses.

Así, o Servizo de Prevención de Riscos do Concello lémbralles aos que queiran contemplar o eclipse do próximo luns que necesitarán protexer os ollos con filtros especialmente deseñados para mirar cara ao sol. A dita protección debe manterse durante todo o tempo que dure a observación, mesmo se só é visible unha pequena parte do astro. Recoméndase, tamén, apartar a mirada frecuentemente para permitir que a retina arrefríe.

Son aconsellables os cristais de soldador tipo 14 ou 15 e as gafas de observación de eclipses solares, mercadas en ópticas que garantan as súas calidades protectoras e a súa homologación pola Comunidade Europea. En ambos os casos, non se debe retirar a embalaxe protectora das gafas ou dos cristais de soldador ata o momento en que estes vaian ser utilizados, xa que se teñen fisuras ou están raiados a protección pode non ser segura.

Por outra parte, a observación con telescopio, binocular ou cámara de fotos non é aconsellable máis que para os profesionais que utilicen un filtro axeitado, colocándoo no obxectivo e nunca detrás do ocular. Ademais, este filtro debe abranguer a totalidade do obxectivo.

Finalmente, o Servizo de Prevención de Riscos do Concello desaconsella contemplar o eclipse a través de teléfonos móbiles con cámara, cristais afumados cunha vela, gafas de sol, negativos fotográficos, radiografías e cd’s. Tamén é desaconsellable mirar o reflexo do eclipse na auga.
1127911536eclipse2.jpeg
1127911590anular.gif
Descargar todas as imaxes