Escoitar

O Universidade de Rugby promoverá o deporte entre os máis pequenos

O Universidade de Vigo Rugby Club foi presentado hoxe martes coa presencia da concelleira de Deportes e o principal patrocinador do equipo, Valery Karpin, co obxectivo de potenciar este deporte entre os máis pequenos.

martes, 27 set 2005
Así o asegurou o presidente do Club, Ramón Pérez Amoedo, no acto de presentación das novidades para a próxima tempada. E é que, como aseguraba, "aínda que é este un deporte con fama de agresivo, trátase dunha práctica na que priman moitos valores que debemos ensinar aos máis pequenos".

É por iso polo que, como dixo, e aínda que xa se estaba a introducir o rugby nalgúns colexios dende hai aproximadamente dous anos –nos que participaron ao redor de 1.200 nenos-, esta temporada "pretendemos ir máis alá, coa posta en marcha de diferentes ligas escolares e coa posibilidade de realizar algún tipo de campionato entre os máis pequenos", dicía Pérez Amoedo.

No acto, no que o presidente do Club estivo acompañado polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes, Óscar Rubiños; por Valery Karpin, en calidade de patrocinador, así como pola concelleira de Promoción Económica, Lucía Molares, Pérez Amoedo referiuse tamén ás novas incorporacións. Como apuntaba, "esta nova temporada preséntase máis igualada que nunca, polo que, compensando as baixas que tivemos, decidimos completar a plantilla con importantes incorporacións, centrándonos en forzar sobre todo a liña dianteira".

Deste xeito, estarán presentes no equipo xogadores doutros equipos galegos, así como outros, ascendidos de categorías inferiores, como Ignacio Gutiérrez Müller, Santiago Martínez Amorín ou Fernando Abalo Gandía.

Balance

O presidente do Club fixo tamén un repaso polo máis destacado da tempada pasada, na que e equipo senior masculino foi o quinto clasificado na Liga Division de honor B e o cuarto na Liga 1ª división da rexional galega. Pola súa banda, os equipos xuvenil e cadete masculino foron campións da liga galega; e o equipo xuvenil venceu na Copa Xunta de Galicia. Ademais, o equipo senior feminino foi subcampión da Liga galega e o senior masculino, subcampión da Copa Xunta de Galicia.

Para a vindeira temporada contarase cos equipos de División de Honra B, Equipo de 1ª Nacional, Equipo feminino, xuvenil e cadete. Realizaranse ademais outras actividades, como as escolas universitarias e as ligas escolares.

Os encontros comezarán esta mesma fin de semana, en Vigo, nun partido no que o equipo da Universidade se enfrontará ao Gernika R.T.