Escoitar

O Concello fará públicas "de inmediato" unhas normas para o uso racional da auga

O concelleiro José Manuel Iglesias dixo hoxe luns que o Concello fará público "de inmediato" un conxunto de normas para o uso racional da auga. Este anuncio tivo lugar despois dunha reunión da Xunta de portavoces na que se tratou do estado actual dos encoros que fornecen Vigo e a súa área de influencia.

luns, 26 set 2005
1127742329agua2609.jpg
Segundo explicou José Manuel Iglesias aos representantes dos grupos políticos, o encoro de Eiras está nun 54% da súa capacidade, mentres que o nivel do de Zamáns é do 52%. Con estas cifras, e a non ser que chova, prevese que as reservas de auga alcancen para cerca de tres meses.

En opinión do concelleiro, a situación "non é preocupante, pero hai que tomar medidas con respecto ao que non sexa beber e producir". Ou sexa, que se deberá controlar calquera consumo de auga "suntuario e excesivo". Para iso, o Concello publicitará "de inmediato" unhas normas para o emprego "racional" do líquido elemento. Outra medida que se está a estudar no Concello é a posibilidade de someter a restriccións de auga o baldeo de rúas e o rego das zonas axardinadas.

Para José Manuel Iglesias, un problema maior é o que supón o crecemento demográfico e industrial dos concellos da área metropolitana, que demandan cada vez máis auga a Vigo. Tal é o caso de Salceda de Caselas, Baiona, Redondela, Gondomar, Cangas e Moaña. Todos estes municipios recibirán auga de Vigo, segundo afirmou o concelleiro, "se cumpren as normas que determinemos" para a súa utilización.
Descargar todas as imaxes