Escoitar

Baloncesto de ACB no II Trofeo Cidade de Vigo

Os equipos Caja San Fernando de Sevilla e Leite Río Breogán disputarán o trofeo o sábado 17 de setembro no pavillón das Travesas. Ademais do Trofeo haberá premios para o máximo anotador, o xogador máis valioso e o máis espectacular.

xoves, 1 set 2005
1125580648baloncesto.JPG
Lucía Molares presentou hoxe xoves o II Trofeo Cidade de Vigo de Baloncesto que, organizado polo Club Baloncesto Vigo A.M., enfrontará no pavillón das Travesas aos equipos Caja San Fernando de Sevilla e Leite Río Breogán. O trofeo, que se celebrará ás 20 horas, "permitirá aos afeccionados vigueses ver un partido de baloncesto de alto nivel entre dous equipos importantes da ACB", dixo a concelleira, que confía en que a cidade poida ter un club na elite do baloncesto. Para esto, dixo Lucía Molares, "é importante fomentar a canteira, xa que non pretendemos un equipo feito a base de diñeiro, senón un co que a cidade poida identificarse".

O presidente do Club Baloncesto Vigo agradeceu o apoio do Breogán e comentou que Lugo e Vigo son cidades moi próximas grazas ao acordo de colaboración entre ambas entidades no fomento da canteira. Tomás Lerma recordou que actualmente dous xogadores vigueses gozan de becas de formación en Lugo.

O presidente e organizador do Trofeo Cidade de Vigo comentou que a xornada do 17 de setembro comeza ás 17 horas co partido entre o CB Vigo e o Peleteiro de Santiago, encontro que da inicio á Liga de Primeira Nacional. En canto ao Trofeo, Tomás Lerma dixo que haberá recoñecementos para o máximo anotador, o xogador máis valioso e o máis espectacular, resaltando a participación dos xornalistas deportivos na elección final destes dous últimos premios.
Descargar todas as imaxes