Escoitar

José Manuel Figueroa reúnese cos afectados pola depuradora do Lagares

O primeiro tenente de alcalde, José Manuel Figueroa, reuniuse hoxe xoves no Concello con técnicos municipais e coa comisión de afectados da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Lagares para informalos da situación actual desta infraestructura.

xoves, 1 set 2005
1125579548depura0109.jpeg
Segundo explicou José Manuel Figueroa, "a solución ao problema da depuradora é unha das prioridades deste Goberno". O primeiro tenente de alcalde adiantou que o Concello espera contar a finais de setembro cos informes de Aqualia, Novotec e Ingeniería de Vertidos sobre a planta de saneamento.

Así mesmo, nas próximas semanas un equipo do Concello desprazarase ata Cataluña para intercambiar experiencias con técnicos da área metropolitana de Barcelona e sacar conclusións.

Xa no mes de outubro e a partir destes informes, un "experto a nivel nacional ou internacional", segundo dixo José Manuel Figueroa, elaborará un dictame que se trasladará ao Pleno Municipal para servir de base a un acordo entre os grupos políticos. Neste acordo incluiranse as medidas que o Concello desenvolverá para solucionar o problema.

O primeiro tenente de alcalde lembrou que, ademais destas medidas, o Goberno Municipal xa adxudicou en agosto, por 1.200.000 euros, un sistema de telecontrol que se aplicará desde principios do ano que vén ás estacións de bombeo do colector da marxe da ría, aos tanques de tormenta do colector do Lagares e ás estacións depuradoras de augas residuais do Lagares e de Teis.

Financiamento

En canto ao financiamento das actuacións destinadas a solucionar as molestias causadas polo mal funcionamento da EDAR do Lagares, José Manuel Figueroa afirmou que o Concello de Vigo vai buscalo noutras administracións coa esperanza de obter a axuda necesaria. En todo caso, o primeiro tenente de alcalde asegurou que "estamos dispostos a buscar outras fontes para resolver de maneira definitiva o problema da depuradora", en referencia á posible petición dun crédito por parte do Concello con cargo ao orzamento municipal.

Por último, José Manuel Figueroa anunciou que o luns haberá unha nova reunión cos afectados para tratar sobre os realoxos. O Goberno Municipal baralla a posibilidade de facer reservas permanentes nalgún hotel de Vigo para os próximos tres meses coa intención de aliviar as vítimas dos malos cheiros.
Descargar todas as imaxes