Escoitar

Corina Porro quere que o Concello vaia "da man" da Xunta de cara á Volvo Ocean Race

A alcaldesa, Corina Porro, entrevistouse hoxe mércores co director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, para tratar varios temas relacionados co deporte vigués, como a Volvo Ocean Race e a Cidade Deportiva.

mércores, 31 ago 2005
1125490577saludo.JPG
Corina Porro declarou tras o encontro que "é grato iniciar este curso cun antigo compañeiro co que mantiven sempre unha boa relación persoal". A alcaldesa comprometeuse a poñerse "á súa disposición para traballar coordinadamente ao servizo do deporte".

Un dos temas principais da entrevista foi a Volvo Ocean Race, regata que sairá de Vigo o próximo 12 de novembro. Segundo Corina Porro, a nosa cidade "debe estar en perfectas condicións" para celebrar este evento.

Neste sentido, a alcadesa lembrou o "grande esforzo" que está a facer o Concello para "cambiar o aspecto da cidade" e promocionar o seu turismo. "Agora", dixo Corina Porro, "encaramos o sprint final e é fundamental que vaiamos da man da Dirección Xeral para o Deporte".

Santiago Domínguez Olveira mostrouse disposto a "coordinar actuacións para que Vigo adquira o protagonismo que merece". Así, o director xeral para o Deporte anunciou a posta en marcha "desde xa" dunha comisión de seguimento da Volvo Ocean Race, formada por técnicos da Xunta e do Concello que se reunirán cada semana. Ademais, o propio Santiago Domínguez manterá reunións periódicas coa concelleira de Deportes, Lucía Molares.

Outro dos asuntos tratados no encontro foi o da Cidade Deportiva. Sobre este tema, a alcaldesa manifestou a súa vontade de "ir da man" da administración autonómica. Pola súa parte, o director xeral para o Deporte asegurou que haberá noticias "nos próximos meses".

Por último, Corina Porro e Santiago Domínguez Olveira trataron da posible construcción dun circuíto de velocidade na área metropolitana de Vigo. Neste sentido, o director xeral afirmou que "o deporte en Galiza ten agora mesmo outras moitas prioridades".
1125490577saludo.JPG
1125490608olveira.JPG
Descargar todas as imaxes