Escoitar

Intérpretes galegos e portugueses participan estes días no Encontro Internacional de Música Xove

Continúa a desenvolverse en Vigo, Baiona e Mos o I Encontro Internacional de Música Xove XOIGA-XOSL, no cal participan a Xove Orquestra Internacional de Galicia e a Xove Orquestra Internacional de Lisboa.

martes, 30 ago 2005
1125404802xoiga.jpg
O Encontro, que se encadra nas actividades de Vigo 2005, comezou o pasado 25 de agosto e finalizará o próximo 4 de setembro. Trátase dun proxecto pioneiro porque une por primeira vez a música sinfónica, un conservatorio e as bandas populares nunha iniciativa común, coa música como elemento de unión e fraternidade entre os mozos.

Esta iniciativa conta co patrocinio do Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración dos concellos de Mos e Baiona e de Caixanova e a coordinación da Fundación Mayeusis. Con ela preténdese crear un espazo de convivencia para máis de 300 mozos músicos de Galicia e Portugal, dándolles a oportunidade de facer as súas propostas estéticas e achegar a expresión musical á rúa con varias actuacións ao longo destes días.

Ademais, no que queda de Encontro ofreceranse tres concertos. O primeiro será o 2 de setembro ás 20:00 no Auditorio Municipal V Centenario de Baiona e correrá a cargo da Banda Agrupación Musical de Belesar.

O día 3 de setembro, tamén a partir das 20:00, o Auditorio da Asociación de Veciños de Cabral acollerá o concerto da Banda de Música Unión Musical desta parroquia. O punto final a este Encontro porao o concerto final e presentación oficial da Xove Orquestra Internacional de Galicia coa Xove Orquestra Sinfónica de Lisboa, o 4 de setembro a partir das 13:00 no Teatro Caixanova.
Descargar todas as imaxes