Escoitar

Corina Porro recibe á embaixadora de Polonia no Concello

A alcaldesa, Corina Porro, recibiu hoxe martes no Concello a embaixadora de Polonia en España, Grazyna Bernatowycz, que veu nunha visita protocolaria a Vigo. Na reunión, a alcaldesa e a embaixadora trataron da posible colaboración entre Galicia e este novo membro da Unión Europea.

martes, 30 ago 2005
1125404284enterviu.JPG
Segundo Grazyna Bernatowycz, Polonia quere ampliar os contactos das súas rexións con Galicia. Para iso, a embaixadora mantivo onte luns encontros co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e varios conselleiros, así como unha reunión hoxe martes coa alcaldesa de Vigo, Corina Porro.

Tras o encontro de hoxe, a embaixadora animou os empresarios galegos a investir en Polonia e lembrou que España ocupa o posto decimonoveno na lista de inversores estranxeiros neste novo membro da Unión Europea, o que "non reflicte o potencial" do noso país.

Así mesmo, Polonia está interesada en coñecer a experiencia española na Unión Europea, en temas como o reparto e utilización dos fondos europeos. Grazyna Bernatowycz explicou que a colaboración entre Galicia e Polonia tamén será cultural, a través de exposicións de pintura polaca en Galicia e de pintura galega en Polonia.

Ademais, a embaixadora polaca dixo que o seu país "ten moitos lugares interesantes e cada vez máis turistas, tamén de España".

Grazyna Bernatowycz referiuse tamén á posibilidade dun irmanamento entre Vigo e algunha cidade costeira de Polonia de carácter similar.
Descargar todas as imaxes