Escoitar

Sanidade anuncia que o novo Hospital de Vigo acadará un investimento de 200 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, presentou hoxe martes en Vigo a Planificación Hospitalaria desta Área Sanitaria, que contempla a construción dunha nova estrutura hospitalaria neste concello. No transcurso desta presentación o conselleiro anunciou que o novo hospital que o SERGAS quere acometer en Vigo acadará un investimento global estimado de 200 millóns de euros.

martes, 7 xuñ 2005
Na súa intervención, o titular do departamento sanitario galego adiantou o cronograma previsto para acometer esta infraestrutura sanitaria xa que "unha vez o Consello da Xunta aprobou a licitación da redacción do proxecto de obras e de cumprirse os prazos legais establecidos para tódolos trámites, o proxecto construtivo podería estar adxudicado no próximo mes de setembro e a obra podería iniciarse no primeiro semestre do 2007".

Así, o novo hospital estará integrado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e o seu plan funcional contempla unha dotación inicial de 912 camas convencionais, o que suporía un crecemento global para o Complexo de 404 camas, o pasar das 1.179 actuais ás 1.583 futuras.

Este novo edificio asistencial terá unha superficie aproximada de 167.000 metros cadrados e prevé tamén unha reserva de crecemento ata os 187.000 metros cadrados. Neste senso, o conselleiro de sanidade insistiu en que unha das características fundamentais deste modelo é a flexibilidade "xa que aínda que o tamaño do novo hospital defínese en base a unha planificación das necesidades da área de Vigo con horizonte do ano 2020 o deseño de espazos está pensado para asumir ampliacións e crecementos futuros".

O Plan Funcional deseñado pola Administración sanitaria contempla unha ampla zona de hospitalización de 32.600 metros cadrados na que se ubicarían as 912 camas de ingreso hospitalario, e un módulo específico dedicado a atención materno-infantil.

No referido á área ambulatoria, que experimentará un forte crecemento nos próximos anos debido ao incremento de frecuentación, o Complexo Hospitalario contará, grazas á esta nova infraestrutura hospitalaria, cun total de 101 locais máis de consulta, pasando dos 213 consultas externas da actualidade ás 314 do futuro. Nesta área se contarán tamén con 34 gabinetes de exploración máis, xa que incrementaran dos 92 actuais a 126; así como 36 postos de Hospital de Día máis, o pasar de 101 aos 137 previstos no Plan Funcional.

O dimensionamento deste hospital tamén prevé un aumento considerable dos recursos destinados a atender a actividade urxente polo que este novo centro vai aportar ao Complexo Hospitalario vigués 31 boxes máis, crecendo dos 33 existentes neste momento a 64, así como 24 camas de observación máis (o pasar de 40 a 64). No referido á Unidade de Coidados Intensivos (UCI) o CHUVI do futuro contará cun total de 82 camas de críticos, un 39% máis que na actualidade, que dispón de 59. En canto á actividade cirúrxica, o CHUVI terá un total de 41 quirófanos, un 37% máis que no momento actual no que se contabilizan 30.

Como conclusión, pódese subliñar que con este novo hospital os recursos sanitarios destinados a atender á poboación do CHUVI incrementarán nos próximos anos, con que esta área contará no ano 2010, data previsible da finalización da obra, cun 34% máis de camas de hospitalización, un 37% máis de quirófanos, un 94% máis de boxes de urxencias e un 48% máis de locais de consultas externas.

Hospital materno-infantil

O novo hospital de Vigo contará cunha área materno infantil específica, deseñada como un módulo autónomo aínda que integrada co resto do hospital para aproveitar os servizos centrais e as demais especialidades. Este módulo está planificado para prestar esta asistencia especifica, xa que segundo afirmou o conselleiro "a asistencia a estes colectivos ten unhas características especiais, xa que aínda que as parturientas son pacientes, non significa que sexan enfermos; os nenos son pacientes que ás veces non queremos que o parezan, e sobre todo, nais e nenos nunca están solos. Por iso, este módulo contará con habitacións individuais (nai e fillo), espazos comúns como salas de xogos, salas de lactantes e espazos para familiares".

Ademais é un modelo pensado para a muller, no que as áreas de dilatación, parto e recuperación están integradas. Neste bloque se contempla tamén a ubicación de servizos específicos para adolescentes.

Na súa intervención, González Álvarez fixo un repaso dos criterios técnicos esgrimidos e xa feitos públicos cando se anunciou, hai máis dun ano, o estudio de viabilidade do novo hospital, para xustifica-la necesidade deste novo edificio hospitalario en Vigo. Así, esta decisión adoptouse baseandose no importante crecemento da poboación parella a unha demanda crecente, nas esixencias de innovación tecnolóxica e organizativa, e nas limitacións espaciais e imposibilidade para o crecemento do Xeral, incapacitado para crecer máis. Recordou o titular do departamento sanitario galego que "a pesar dos esforzos inversores realizados nos últimos anos nas importantes obras de ampliacións que nestes momentos se están levando a cabo no Xeral e no Meixoeiro, que ascenden ós 20 millóns de euros, estas solventarán necesidades a curto prazo pero resultan insuficientes para garantilas a medio prazo, non poderían asumir ese crecemento poboacional previsto, polo que decidimos realizar unha intervención significativa que aportase unha solución definitiva establecendo unha rede hospitalaria sostible e con visión de futuro".