Escoitar
Bouzas e San Pelaio de Navia contarán con novas infraestruturas sanitarias de Atención Primaria

Vigo contará con dous novos centros de saúde

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, asinou hoxe martes dous convenios de colaboración coa alcaldesa de Vigo, Corina Porro, co obxecto de recoller e formalizar as actuacións a levar a cabo por ámbalas dúas administracións para acomete-la construción de dous novos centros de saúde na cidade, un na parroquia de Bouzas e outro en San Pelaio de Navia.

martes, 7 xuñ 2005
No transcurso desta sinatura, o máximo responsable da administración sanitaria afirmou que "con estes convenios damos un paso máis cara o noso obxectivo de dotar á cidade de Vigo con novos centros de saúde; edificios asistenciais previstos polo SERGAS desde o hai tempo e contemplados na planificación sanitaria futura desta cidade". San Pelaio de Navia era unha das infraestruturas previstas dado que se están desenvolvendo novas actuacións urbanísticas que prevén gran crecemento poboacional; e xunto coa nova dotación de Bouzas, se ofertarán uns servizos integrais a toda a zona"

Segundo se establece nestes convenios, o Concello do Vigo comprométese a obte-los terreos necesarios e realizar os trámites urbanísticos oportunos para posibilitar a construción deses novos centros de saúde de acordo ás necesidades funcionais do SERGAS.

Asimesmo, segundo recollen estes documentos, a institución local asumirá, como é habitual, a dotación das infraestruturas necesarias para dotar ás parcelas de centros de saúde, tales como abastecemento de augas, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía etcétera.., que terán que estar totalmente executadas antes do inicio das obras polo SERGAS.

Pola súa banda, o SERGAS comprométese á elaboración do proxecto técnico así como a contratar, dirixir e executar as obras de construción dos novos centro de saúde.

O programa funcional do centro de saúde de Navia contempla 10 consultas de medicina xeral, 8 enfermería, e unha área específica de pediatría con 2 consultas de pediatra e 1 de enfermeira pediátrica. Ademais contaría tamén con área de atención obstétrica, cunha consulta de matrona e unha sala de educación maternal, así como consulta odontolóxica, de farmacéutico e outra de asistencia social.

En canto ao centro de saúde de Bouzas, o programa funcional deseñado polo SERGAS para este novo edificio asistencial prevé dotalo con 4 médicos xerais, 4 consultas de enfermería e unha área de pediatría cunha consulta de pediatra e 1 de enfermería pediátrica.