Escoitar

A exposición fotográfica "Porto Meu" quedará inaugurada con motivo do Día de Portugal

Ademais da tradicional coroa de flores no busto de Camoes na praza de Portugal, a celebración do Día de Portugal contará coa inauguración da mostra fotográfica "Porto Meu" e unha xornada de mostras artesanais, gastronómicas, folclóricas e musicais na praza da Estrela.

martes, 7 xuñ 2005
1118147830portugal.jpg
O concelleiro de cultura Ignacio López-Chaves e maila cónsul xeral de Portugal en Vigo, María Regina Flor e Almeida, presentaron a exposición fotográfica "Porto Meu", organizada con motivo do Día de Portugal que se celebra o venres 10 de xuño e na que colaboran a Cámara Municipal de Porto e o Consulado Xeral de Portugal.

A mostra comezou a súa andadura en Cabo Verde e agora chega á Casa das Artes de Vigo cunha exposición de 34 fotografías da cidade de Oporto a cargo do autor de Leça da Palmeira e afincado en Aporto, Joao Menéres. A exposición inaugúrase o venres 10 de xuño ás 20 horas e remata o 21 de agosto de 2005 cun horario de visita do público de 18 a 21,30 horas os laborables, de 11 a 14 e de 18 a 21,30 horas os sábados e de 11 a 14 horas os domingos e festivos.

Ignacio López-Chaves comentou que Vigo "por historia, situación xeográfica e vínculos" debe ter unha relación estreita con Portugal e participar das súas celebracións e da súa cultura. O concelleiro recordou que o Arquivo Pacheco xa traballa en colaboración co Arquivo Fotográfico de Braga e que a exposición "Porto Meu" é outra mostra da realización de actividades culturais conxuntas.

Pola súa parte María Regina Flor e Almeida sinalou que a colaboración entre Vigo e Portugal é xa unha evidencia como amosa o feito de que formen parte dunha Eurorrexión. A cónsul portuguesa en Vigo explicou o conxunto de actividades que con motivo do Día de Portugal haberá en Vigo:

O mércores día 8 na Casa de Arines terá lugar a conferencia "Relaciones peninsulares: Historia e Diplomacia na Transición do século XX ao século XXI", que contará coa participación do profesor Hipólito de la Torre.

O venres día 10 haberá 3 actos:

Ás 12 horas terá lugar a ofrenda floral no busto de Camoes situado na praza de Portugal, acto que se repite todos os anos e que contará previsiblemente coa presenza da alcaldesa Corina Porro e da cónsul xeral de Portugal en Vigo, María Regina Flor e Almeida.

Ás 17 horas na praza da Estrela terá lugar unha xornada de mostras gastronómicas, artesanais, de animación musical e etnográfica a cargo de diversos municipios e asociacións portuguesas. A xornada festiva durará ata as 12 da noite e todos os vigueses están invitados a participar nelas.

Ás 20 horas terá lugar a inauguración fotográfica "Porto Meu" na Casa das Artes.
Descargar todas as imaxes