Escoitar

O novo Rexistro Telemático axilizará as relacións dos cidadáns co Concello

Os usuarios da Carpeta do Cidadán poden axilizar os seus trámites co Concello a través do novo Rexistro Telemático de Documentación e Solicitudes. Este novo servizo de Internet, ademais, descargará de traballo o Rexistro Xeral e o Rexistro da Xerencia.

luns, 6 xuñ 2005
1118062878marta0606.jpg
A concelleira delegada de Informática, Marta Iglesias, presentou hoxe luns o Rexistro Telemático de Documentación e Solicitudes. Con este novo servizo, incluído dentro da Carpeta do Cidadán, preténdese axilizar as relacións dos cidadáns co Concello, xa que lles permitirá aos seus usuarios levar a cabo calquera trámite coa mesma validez que se o xestionasen no Rexistro Xeral do Concello ou no Rexistro da Xerencia de Urbanismo.

Vigo será o primeiro concello de Galicia que conte con este servizo. Para Marta Iglesias, isto é unha mostra da "importante aposta do Concello polas novas tecnoloxías da información". A concelleira, ademais, cre que o Rexistro Telemático "descargará de traballo" o Rexistro Xeral e o Rexistro da Xerencia.

O servizo presentado hoxe forma parte do chamado Concello Dixital e inclúese dentro da Carpeta do Cidadán, que conta xa con 1.500 usuarios. Esta carpeta dixital, á que se pode acceder a través da páxina web www.hoxe.vigo.org, pemite realizar un seguimento das solicitudes feitas ao Concello. Entre outras posibilidades, tamén permite obter información dos obxectos polos que o cidadán tributa ao Concello ou facer as xestións relativas ao recibos municipais.

Co novo Rexistro Telemático, os cidadáns rexistrados como usuarios da Carpeta do Cidadán, poderán enviar ao Concello, desde a páxina web municipal e mediante un formulario tipo, calquera clase de ficheiro, sexan planos, fotos ou outros documentos. Os ficheiros tramitaranse da mesma maneira que se fosen entregados fisicamente. Ademais poderá facerse o seguimento da tramitación desde a propia web.

En próximas datas iranse engadindo formularios diversos para solicitudes regradas con formularios específicos, como os de licenza de obras, solicitudes de ocupación de vía pública, rectificación de datos no Padrón de Habitantes ou nos Padróns Fiscais e alegacións a sancións de tráfico.
Descargar todas as imaxes