Escoitar

O Concello ultima os preparativos para o ascenso do Celta

O Concello prepárase para a celebración do ascenso do Celta a primeira división, que pode producirse o próximo domingo 5 de xuño despois do encontro co Xerez en Balaídos.

martes, 31 mai 2005
O Concello de Vigo ultima os preparativos para que as celebracións que poden producirse o próximo domingo 5 de xuño con motivo do ascenso do Celta a primeira división despois dunha temporada en segunda sexan unha ocasión de feliz recordo para a cidade.

Así, o domingo, día do partido contra o Xerez, que comezará ás 20:00, porase a disposición dos siareiros unha pantalla xigante no Pavillón das Travesas. Os interesados poderán acceder ao recinto para veren o encontro despois de facerse coa correspondente entrada de balde.

Para despois do Celta-Xerez, e en previsión de que o equipo vigués logre o ascenso a primeira, prepárase un dispositivo policial na propia praza das Travesas, para que as posibles celebracións na fonte "Porta do Atlántico" discorran con total normalidade e sen prexuízos para ninguén.