Escoitar

O programa educativo ”Vigo por dentro” conta coa participación de 26.000 escolares

martes, 18 dec 2001
imx910.jpg
Saída ás Cíes
A concelleira de Educación, Ana Gandón, presentou a décima edición do programa ”Vigo por dentro” que ofrece 88 itinerarios a tódolos centros de ensino para que 26.000 escolares poidan coñeceren e apreciaren, de outubro a xuño, distintos lugares e actividades da cidade.

”Trátase de que os participantes adquiran un sentido de identificación coa cidade e cos lugares públicos”, indicou Ana Gandón. Preténdese que os alumnos teñan coñecementos físicos, do tecido empresarial, dos recursos e servicios culturais do Concello para crear unha conciencia cidadá responsable. Neste sentido, utilízase a cidade como un instrumento para completar a formación do alumnado.

As visitas máis solicitadas polos 133 centros participantes son Vigozoo e a Aula Etnográfica do Mar para os alumnos de infantil: o porto pesqueiro, o servicio de Bombeiros e o Barrio Histórico para primaria e os parques, a factoría de Citroën e o Barrio Histórico para secundaria. Visitas ás Cíes, Museo de Pontevedra e Acuario do Grove son outras das saídas que se realizan, incluídas neste programa, pese a estar fóra do termo municipal de Vigo. En total, serán 550 as visitas concertadas para este curso escolar.

O presuposto destinado a este programa é de 41 millóns de pesetas e inclúe desprazamentos, monitores, material didáctico e pólizas de responsabilidade civil e enfermidade.
Descargar todas as imaxes