Escoitar

O Goberno rehabilitará os muíños do río Eifonso

luns, 17 dec 2001
A Comisión de Goberno aprobou o proxecto de rehabilitación do conxunto de muíños situado á beira do rio Eifonso, na parroquia de Bembrive. A Concellería de Patrimonio Histórico é a impulsora desta iniciativa que conta co apoio da entidade local da parroquia.

O río Eifonso está salpicado de muíños que no seu conxunto forman un valioso testemuño etnográfico. O propósito do Concello é o de recuperalo e poñelo en valor acometendo nesta zona un traballo de recuperación do patrimonio que estará acompañado do acondicionamento do contorno. O obxectivo final é crear un espacio de lecer para os cidadáns onde se conxugue o atractivo natural con elementos da nosa tradición cultural.

Os muíños que se van restaurar en primeiro lugar son os denominados “muíño da Pedrosa” e “muíño do Buraco”. Ámbalas construccións están derruídas. No seu contorno crearase unha zona de recreo na que se plantará novo arborado. Tamén se recuperará unha pontella situada nas inmediacións.

O custo das obras é de 4.219.000 pesetas e poden estar rematadas no primeiro trimestre do vindeiro ano.


Máis xogos infantís

O Concello acaba de adquirir un novo lote de xogos infantís para os parques da cidade. Nesta oportunidade investíronse 25 millóns de pesetas. Deste xeito estase a piques de completar o proceso de renovación dos xogos instalados nos parques de Vigo. Nestes últimos dous anos fíxose un notable esforzo presupostario para retirar todos aqueles aparellos que non cumprían a normativa ou que estaban deteriorados e colocar no seu lugar xogos novos. O Goberno municipal prevé que ao final deste mandato esté totalmente rematado este proceso e tódolos parques infantís de Vigo conten con columpios homologados.


Axudas de emerxencia social para o arranxo de vivendas

O Goberno municipal propuxo a concesión de axudas para o arranxo das vivendas de 4 familias da cidade que se encontran nunha situación que se pode describir como de emerxencia social. Son familias que habitan infravivendas, sen recursos económicos e nalgúns casos con problemas engadidos como minusvalías ou idade avanzada. Estas familias van recibir 600.000 pesetas para facer arranxos nos seus domicilios, diñeiro que aportan Concello e Deputación.