Escoitar

Marta Vélez e Cristina Olivar: Concerto de violín e piano no Festival Are-More

luns, 17 dec 2001
A violinista viguesa Marta Vélez e a pianista madrileña Cristina Olivar son as protagonistas do recital do Festival ARE MORE dedicado a pezas que se interpretan ó violín e ó piano que se celebra o martes, 18 de decembro na sala de concertos Martín Códax ás 20:30 horas. Obras de autores como Brahms, Piazolla, Mozart e Falla serán interpretadas por estas dúas mulleres, que exercen o seu labor docente no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Dúas representantes do bo facer profesional que se realiza a diario no conservatorio vigués e que contan no seu haber cunha ampla bagaxe de experiencia en cantos concertos ou recitais de cámara interviñeron ó longo da súa carreira.

Marta Vélez é o prototipo da nova promesa que chegou a culmina-la súa carreira con éxito. Non en van iniciou os seus estudios en Vigo ós oito anos, no conservatorio no que agora desenvolve o seu labor docente. Obtivo o título de profesora de violín con matrícula de honra. No ano 1986 xa foi premio extraordinario no grao elemental no conservatorio vigués. Os seus grandes dotes interpretativos levárona, no ano 1990, a participar nun curso da Joven Orquesta de España, para obter, no ano 1996, o título superior de profesora de música de cámara. Os seus dotes interpretativos permitíronlle conseguir estudios no conservatorio de Bruxelas, así como outros moitos en distintos centros de recoñecido prestixio. En xullo de 1998 obtivo os diplomas de Licenciate of the Guildhall School of Music e Postgraduate diploma in Music Performance, en Londres da man do prestixioso profesor Ifrah Neaman.

Foi membro da Orquestra Clásica de Vigo dende a súa fundación, tanto na faceta de concertista como de solista. No ano 1995 foi elixida como suplente da Nova Orquestra da Comunidade Europea. Colaborou en numerosos concertos con orquestras de novos valores, tanto en España como en Europa. Participou en cursos de perfeccionamento en Cataluña, Londres, Santiago de Compostela, Alemaña e Madrid. Os seus concertos repartíronse, sobre todo, polas principais cidades galegas, e actuou tamén en Portugal, Bélxica e en España en Murcia, Xirona e Barcelona. Gozou de bolsas das principais fundacións do país. Nestes momentos, é profesora de violín do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

A pianista Cristina Olivar naceu en Madrid pero a súa formación musical estivo ligada a Galicia e a Vigo dende os seus primeiros anos. No ano 1998 obtivo o segundo premio no concurso para novos intérpretes galegos en Vigo e trasladouse logo a Madrid para perfecciona-los seus coñecementos. Tras recibir matrículas de honra e distintos premios nos seus estudios, finalizou estes no Conservatorio de San Lorenzo de El Escorial con excelentes cualificacións. Asistiu a cursos de perfeccionamento e interpretación con recoñecidas figuras, e actuou como solista en varios concertos en Madrid. O seu afán por perfecciona-la súa técnica levouna a estudiar en Budapest e a obter bolsas na Capital de España. Os seus concertos, nos que obtivo un notable éxito, foron principalmente en Galicia, Madrid e Budapest. Na actualidade é profesora de piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo, aínda que compaxina o seu labor docente co profesional, participando en numerosos concertos.

BIOGRAFÍAS

PROGRAMAS

ENTRADAS