Escoitar

As festas de Nadal deben contar con autorización administrativa

martes, 18 dec 2001
O Concello de Vigo vai publicar un bando lembrando que as actividades de carácter festivo nos días de Nadal, Fin de Ano e Reis requiren dispoñer das correspondentes autorizacións no caso de que se desenvolvan en locais que non conten coa licencia para ese tipo de actos. Os interesados en realizar unha festa deberán presentar un escrito no Rexistro Xeral do Concello para conseguir a preceptiva autorización.

O escrito irá acompañado dun plano no que se sitúe o local no que se pretende realizar o evento coas vías de evacuación existentes en caso de perigo, localización de extintores e alumeado de emerxencia. Engadirase unha fotocopia da licencia de apertura do local, dunha declaración do tipo de actividade que se vai desenvolver, coa data e horario, e un certificado do mantemento das instalacións de protección contra incendios.

A falta da preceptiva autorización regulamentaria dará lugar, por parte dos responsables, á correspondente incoación dun expediente para dirimir responsabilidades sen prexuízo doutras accións civís ou penais que se poidan instrumentar.