Escoitar

Comezou a distribución das tarxetas de residente no Barrio Histórico

martes, 18 dec 2001
A Policía Local comezou xa a distribuír as tarxetas de residente no Barrio Histórico que facultarán aos veciños desa área a aparcar os seus vehículos nas zonas de estacionamento establecidas trala aplicación do programa de peonalización. O departamento municipal de Tráfico recibiu 185 solicitudes de tarxetas. Só 112 cumprían os requisitos esixidos: estar empadroado no barrio, posuír un vehículo para uso particular co mesmo enderezo, e estar ao corrente do pago de todo tipo de obrigas co Concello.

A Policía Local comezará antes de fin de ano a comprobar que os vehículos aparcados no Barrio Histórico dispoñen das correspondentes tarxetas de residente. O Concello xa rematou a colocación dos bolardos fixos e móbiles que impiden o acceso de vehículos ás áreas peonais do barrio. A principios de ano instalaranse os bolardos retráctiles que se ubicarán ao comezo das rúas Gamboa e Alta. Estes aparellos serán manexados dende a Sala de Tráfico do Concello para permitir o acceso ao barrio só de vehículos autorizados: residentes, carga e descarga, emerxencias e taxis.