Escoitar

Aprobado un proxecto para suprimir barreiras arquitectónicas no Centro

O Concello contribuirá a suprimir barreiras arquitectónicas na cidade. Así o decidiu a Xunta de Goberno Local, que aprobou un proxecto no que se contemplan obras nas beirarrúas do Centro de Vigo por un importe de 150.101,21 euros.

luns, 2 mai 2005
Na área de Vías e Obras, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns o proxecto de supresión de barreiras arquitectónicas no contorno do Centro da cidade. O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 150.101, 21 euros, contempla adaptar os pasos de peóns á Lei de Accesibilidade e Supresión de Barreiras de Galicia.

As obras incluídas no proxecto consisten na nivelación das beirarrúas co pavimento da calzada, aumentando o nivel da beirarrúa en forma de rampa, a cal non deberá superar o 10% de pendente. Esta actuación levarase a cabo na zona comprendida entre as rúas Velázquez Moreno, Ronda de Don Bosco, Joaquín Loriga, Ecuador, Vázquez Varela, Urzaiz, Baixada á Estación, Alfonso XIII, García Barbón, Isaac Peral, Arenal e praza de Compostela.

Entre as beirarrúas que se reformarán hainas con pavimentos de baldosa de terrazo e de cemento, sendo os bordes na súa grande maioría de granito. Procederase a levantar a baldosa así como a base de formigón nas zonas en que sexa necesario. Tamén está previsto o levantamento e posterior colocación do borde de granito.

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Figueroa, dixo que o Concello "está sensibilizado" sobre a necesidade de suprimir as barreiras arquitectónicas, algo que, segundo afirmou, "reclaman moitos colectivos". Segundo José Manuel Figueroa, Vigo ten unha boa ocasión para "poñerse ao día" neste tema, con motivo das obras no Centro da cidade.

Outros proxectos

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto de eliminación de augas pluviais no Vao, cun orzamento de 120.272,79 euros. Os traballos contemplados neste proxecto inclúen a excavación e posterior recheo do foxo, a instalación da conducción para evacuar as augas pluviais, así como a execución dun bombeo e a instalación dunhas reixas para interceptar a escorrentía superficial.

Así mesmo, a Xunta de Goberno decidiu dar o visto bo ao acondicionamento da parcela municipal situada ao lado do Instituto do Castro, situada entre as rúas Atalaia e José G. Posada-Curros. Estas obras de axardinamento contarán cun presuposto máximo de 99.999 euros.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a demolición da antiga fábrica de conservas Garavilla, situada na Baixada a Ríos nº 153, por 34.177,85 euros, e o saneamento da zona da Baixada a Ríos, cun orzamento de 50.191 euros.