Escoitar

Oito mulleres de Vigo benefícianse do servizo de teleasistencia para as víctimas da violencia de xénero

O servizo consiste nun teléfono móbil provisto dun sistema de localización GPS e un botón de emerxencia para que as mulleres poidan pedir axuda se se senten ameazadas. Para solicitalo é necesario ter unha orde de protección e afastamento sobre a parella.

martes, 5 abr 2005
1112706186ppp.JPG
A concelleira de Muller, Lucía Molares, presentou o servizo de teleasistencia móbil para víctimas de malos tratos. Con carácter previo á tramitación do Proxecto de Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a violencia de xénero, o Consello de Ministros aprobou, en maio de 2004, un plan de medidas urxentes para loitar contra este tipo de abuso. O Concello de Vigo adheriuse a este programa de teleasistencia que se xestiona a través do IMSERSO, que o financia, e o FEMP.

O servizo facilita, a través de Cruz Vermella, un teléfono móbil que conta cun receptor GPS e está habilitado de tal maneira que apertando un só botón efectúe unha chamada de emerxencia recibida por un centro de atención permanente que avisa aos medios de asistencia para que vaian en auxilio da víctima. Este teléfono, que tamén pode facer chamadas de comunicación normal co centro de atención para recibir outro tipo de asesoramento ou información, só poden adquirilo aquelas mulleres que posúan unha orde de afastamento das súas parellas. Segundo Lucía Molares, preténdese "que as mulleres que sofren malos tratos poidan ter esa confianza que precisan para levar unha vida normal". A concelleira tamén apuntou que nestes momentos os xuíces están concienciados e calquera muller víctima de malos tratos pode conseguir unha orde de afastamento e acadar o teléfono.

O servizo de teleasistencia funciona no Concello de Vigo dende principios de ano e ata agora son oito mulleres e un neno os que dispoñen dun teléfono. O servizo é, por tanto, extensible aos fillos da parella que puideran estar en perigo de agresión ou secuestro.
Descargar todas as imaxes