Escoitar

A maior parte das obras do Plan Vigo 2005 estarán rematadas para a saída da Volvo

O concelleiro José Manuel Figueroa asegurou que as obras da Alameda, Uruguai e Colón estarán listas no mes de agosto e que o resto tratarán de finalizarse no menor tempo posible.

luns, 4 abr 2005
1112622081chema.JPG
A Xunta de Goberno tratou, fóra da orde do día, o estado das obras correspondentes ao plan Vigo 2005. Ditas obras consisten na humanización e adecentación de rúas céntricas e significativas da cidade, colocando beirarrúas de granito e rodaduras de granito ou aglomerado segundo sexa de intenso o tráfico nesas rúas.

Segundo o concelleiro José Manuel Figueroa xa están adxudicadas e en marcha as obras da Alameda por un importe próximo aos cinco millóns de euros. Saldrá nas próximas datas a de Colón con Urzaiz e a rúa Uruguai en primeira e segunda fase. Por último, aprobadas xa polo comité executivo e a punto de saír a licitación están as obras en Cervantes, Hernán Cortés, Luis Braile, Magallanes, Gil e Manuel Yáñez, por un importe aproximado dun millón novecentos mil euros. En total o plan Vigo 2005 suporá un orzamento de nove millóns de euros.

José Manuel Figueroa confirmou que as obras da Alameda estarán rematadas en agosto despois de ratificar o seu compromiso a empresa que leva as obras. As mesmas datas prevense para Uruguai e Colón e o resto iranse rematando paulatinamente, comentou o concelleiro.

Respecto á situación en que quedan os residentes destas zonas o concelleiro indicou que estanse intentando habilitar zonas específicas para eles, incluíndo tamén os seis aparcadoiros que sairán a licitación na cidade. As zonas previstas para a súa ubicación son Areal, Santiago de Vigo ata Policarpo Sanz, Genaro de la Fuente, Villalaura, Coia e Rosalía de Castro. O concelleiro explicou que estes aparcadoiros sairán a concurso en grupos xa que algúns son pouco rentables e poderían quedar desertos. O prego de condicións redactarase neste mes de abril e a tarifa a base de minutaxe estará incluída en todos eles, así como algún réxime especial para residentes. José Manuel Figueroa explicou que coa política que segue o Concello de Vigo e que empeza a ser predominante nas grandes cidades, de eliminar os aparcamentos en superficie e potenciar o transporte público, estas medidas son necesarias.

Matamá e Teis

Preguntado pola situación dalgunhas áreas conflictivas do Plan Xeral de Ordenación Urbanística como Teis ou Matamá, o concelleiro de Urbanismo explicou que "no Goberno somos sensibles e receptivos a todas aquelas demandas que nos cheguen dos cidadáns" e quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade aos veciños de Teis: "non imos facer nada que vaia en contra da vontade maioritaria dos veciños de Teis. Imos chegar a un acordo con eles sen ningún lugar a dúbidas. Se creen que o desenvolvemento desta zona non debe ser a que aparece no PXOM o único que lles pedimos e que nos dean alternativas", dixo.

Respecto a Matamá e a ronda, Figueroa explicou que se trata dun vial imprescindible para o desenvolvemento e vertebración das parroquias desta zona. Aínda en Matamá, o concelleiro de Urbanismo explicou o tema de ampliación do polígono industrial dese área solicitado pola empresa Citroën. Dixo que tratándose da empresa mais importante da cidade o Concello tería que atendela actuando con todo rigor, pero tamén entraría en xogo "a habilidade do Goberno para satisfacer aos veciños".

Zona Franca

José Manuel Figueroa falou do estado das conversacións con Zona Franca para a cesión de 60.000 metros cadrados de superficie para a ubicación da depuradora que a cidade de Vigo precisa. O concelleiro, que mantivo unha reunión o pasado xoves con Zona Franca, comentou que "ambos debemos traballar na mesma liña" xa que a cidade necesita unha depuradora ao non ser Lagares e Teis suficientes. O voceiro de PP en Vigo subliñou que Zona Franca non vai perder superficie xa que a depuradora estará soterrada e que o Goberno baralla a posibilidade de visitar todos xuntos outras obras similares como as depuradoras de Lisboa, Barcelona ou Niza.

Por último, o concelleiro José Manuel Figueroa comentou o informe do Valedor do Cidadán coñecido o pasado venres no pleno extraordinario e no que o titular deste cargo, Luis Espada, informaba da falta de resposta que obtiña dalgúns departamentos ás súas peticións ou suxerencias. Figueroa asegurou a importancia e o prestixio deste cargo e a intención do Concello de retomar unha conversación fluída e atender dilixentemente as súas peticións.
Descargar todas as imaxes