Escoitar

Cine recente sobre antigos conflictos na programación de abril do Cineclub Lumière

Dentro da programación do Cineclub Lumière para este mes de abril, proxectaranse os filmes "Private" ("Domicilio Privado"), de Saverio Constanzo; "Mutter Küsters Fahrt zum" ("Viaxe á felicidade de mamá Kuster"), de Rainer Werner Fassbinder; "Notre musique" ("A nosa música"), de Jean-Luc Godard, e "San zimske noci" ("Soño dunha noite de inverno"), de Goran Paskaljevic.

venres, 1 abr 2005
Todas as proxeccións terán lugar no Auditorio do Concello ás 20.30. A primeira, o día 4 de abril, será a de "Private" ("Domicilio privado"), unha producción italiana de 2004 galardoada con premios como a Espiga de Prata da Seminici. Este filme narra a historia dunha familia palestina de clase media, propietaria dunha casa no campo, que ten que facer fronte a un pelotón de soldados israelís que deciden converter a súa casa nun posto de observación. A casa queda dividida en tres zonas: unha para os israelís, outra para a familia palestina e unha terceira para uso común. "Private" é o último traballo ata o de agora do realizador, produtor, actor, xornalista e guionista italiano Saverio Constanzo.

O día 11 de abril será a vez de "Mutter Küsters Fahrt zum" ("Viaxe á felicidade de mama Kuster"), filme alemán do ano 1975. O seu autor, o realizador, productor, actor e guionista Rainer Werner Fassbinder, conta como o marido da señora Kuster, tras matar o seu xefe, se suicida na fábrica na que leva traballando máis de vinte anos. Este feito desencadeará unha serie de avatares na vida da señora Kuster.

A terceira proxección é a de "Notre musique" ("A nosa música"), o día 18. Nesta película franco-suíza de 2004 xúntanse o inferno, o purgatorio e o paraíso. O inferno represéntano diversas imaxes de guerra, sen orde cronolóxica nin histórica. O purgatorio é a cidade de Saraxevo hoxe, martirizada como moitas outras. O paraíso vén dado por unha moza que atopa a felicidade na auga, nunha praia vixiada polos marines estadounidenses. O autor deste filme é o coñecido realizador, editor, fotógrafo, produtor, actor e guionista ffrancés Jean-Luc Godard.

O día 25 proxectarase "San zimske noci" ("Soño dunha noite de inverno"), producción conxunta de Sebia e Montenegro e España do ano 2004. Nela, o guionista, produtor, editor e realizador nado en Belgrado Goran Paskaljevic conta como Lazar volta ao seu domicilio tras pasar dez anos no cárcere. A súa sorpresa é maiúscula cando descobre que a casa na que vivía está agora ocupada por dúas refuxiadas, unha nai e a súa filla.

Xunto a estas catro películas, o xoves 14 de abril, ás 20:30 no Auditorio do Centro Cultural Caixanova, en colaboración coa Alianza Francesa, proxectarase o filme francés de 2004 "Comme une image" ("Como unha imaxe"), de Agnes Jaoui.