Escoitar

O Concello contratará máis persoal para información xuvenil e ludotecas

A reunión da Xunta de Goberno Local reportou, na área de Xuventude, a decisión de contratar a asistencia técnica para a información xuvenil do Concello, para o Infobus, e para o servizo das ludotecas da Casa da Xuventude e de Coia.

luns, 4 abr 2005
A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe luns o gasto de 92.279 euros por ano para contratar a asistencia técnica para o asesoramento e información dos mozos vigueses. Para iso aprobou tamén os pregos de condicións técnicas e administrativas para dita contratación e convocou o concurso para seleccionar o contratista. A duración do contrato é de dous anos, que poderán prorrogarse por outros dous previo acordo.

Outra medida adoptada pola Xunta de Goberno Local é a de destinar 115.197,12 euros por ano e aprobar os pregos de condicións técnicas e administrativas para contratar o servizo das ludotecas da Casa da Xuventude e de Coia. O gasto repartirase de maneira equitativa, polo que cada ludoteca recibirá 57.598,56 euros cada ano. O tempo de duración do contrato é de dous anos, que poderán ser prorrogados por outros dous previo acordo.

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación de asistencia técnica para a atención da oficina móbil de información xuvenil denominada Infobus. Satisfaise, deste xeito, a demanda da Concellería de Xuventude, que ten por obxecto descentralizar a oferta de recursos de información xuvenil.

Tanto o centro xuvenil como o Infobús informarán e orientarán os mozos do municipio de Vigo e tentarán facilitarlles o acceso aos seus recursos. A proposta da Concellería de Xuventude baséase na carencia de medios persoais específicos para a prestación deste servizo, no feito de comportar unha xornada laboral reducida e a tempo parcial e na inexistencia de partida orzamentaria para contratar persoal específico por parte da propia concellería.