Escoitar

O Fondo Galego de Cooperación presentou o programa Vacacións de traballo

Este programa pretende favorecer encontros entre técnicos municipais para a realización de actuacións cara ao desenvolvemento de diversos países. Estes encontros poderíanse dar en lugares como Nicaragua ou Cabo Verde.

mércores, 23 mar 2005
O pasado día 11 de marzo realizouse no concello de Vigo unha reunión da Rede Municipal Solidaria integrada no Fondo Galego de cooperación, con carácter ordinario, coa finalidade de valorar a cooperación que desde os concellos se está a desenvolver para promover a solidariedade cós países mais desfavorecidos.


Esta xuntanza contou coa presencia de representantes dos concellos de Galicia integrados neste Fondo e coa presencia da nova Delegada de Servicios Sociais do Concello de Vigo, Marta Iglesias, como concello anfitrión e coa finalidade de manifestar o apoio e impulso que nesta materia se quere desenvolver desde a concellería de Benestar social.

Compre destacar, entre os temas tratados, a presentación do programa Vacacións de traballo, que supón a posta en marcha, de encontros entre técnicos municipais para favorecer a realización de actuacións para o desenvolvemento, en distintos países. Inicialmente cóntase coa posibilidade de iniciar estes encontros en Nicaragua e Cabo Verde.

Así mesmo, púxose de manifesto o apoio do FGC ( Fondo Galego de Cooperación) á campaña " POBREZA CERO" artellada pola coordinadora de ONGs, o que supón a posibilidade de participar tanto na sensibilización á comunidade como na difusión da campaña.

Neste mesmo sentido o FGC informa os concellos sobre distintos talleres de cooperación, actuacións a desenvolver en colaboración coa FEGAMP, a participación popular de solidariedade ante os acontecementos vividos no sueste asiático e a posibilidade de desenvolver charlas de sensibilización nos colexios para informar á comunidade educativa sobre a situación que se está a vivir no continente africano.

O Fondo Galego de Cooperación e solidariedade é unha entidade municipalista que impulsa e coordina os esforzos de cooperación internacional ao desenvolvemento que promoven os concellos e deputacións de Galicia. Os concellos socios da provincia de Pontevedra son os seguintes:

A Cañiza, A Guarda, Baiona, Bueu, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Redondela, Soutomaior, Vigo, A Estrada, Caldas de Reis, Cuntis, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Rodeiro e Vilagarcía.