Escoitar

O Festival Sinsal 3.0 inicia a súa programación primaveral con Josephine Foster

A terceira edición do Festival Sinsal, que ten por lema "Música para catro estacións", entra na primavera coa actuación da cantante e instrumentista estadounidense Josephine Foster, mañá día 23 de marzo a partir das 20:30 no Museo Marco.

martes, 22 mar 2005
1111495707josephine1.jpeg
"Música para catro estacións" é o lema da terceira edición do Festival Sinsal, unha proposta na que Vigo se concibe como punto de encontro das Músicas Contemporáneas. Pasado o inverno, e con el as actuacións de Julie Doiron, Berg Sans Nipple e Lali Puna, chega a primavera na persoa da cantante e instrumentista de Chicago Josephine Foster, que actuará mañá día 23 a partir das 20:30 no Museo Marco.

O nome de Josephine Foster, membro do dúo Born Heller e líder dos Supposed, comezou a chamar a atención despois de que unha canción súa aparecese na influente compilación "Golden Apples From The Sun" que editou a revista Arthur, baixo a dirección de Devendra Banhart, a principios deste ano.

O que parece ser unha breve gravación caseira de cancións infantís sen maiores pretensións, é tamén unha interesante síntese do folk dos Apalaches, mediada por unha ordenada lectura da tradición inglesa e unha clara formación académica, que permite o uso de distintos instrumentos de corda (uke, arpa, banxo e autoharp) e un versátil traballo vocal que, nalgunhas pasaxes, é capaz de evocar a mesmísima Shirley Collins.

Ao mesmo tempo, Foster asume distintos acentos e formas de frasear, recrea os personaxes que relatan as súas inxenuas historias e usa as cordas para dar con diferentes ritmos e atmosferas, nun intento de reflectir idiosincrasias e épocas pasadas ou imaxinadas, involucrando o auditor no proceso.

O Festival Sinsal conta cunha achega do Departamento de Cultura do Concello que ascende a 9.000 euros, o dobre que na edición anterior. O evento esténdese ao longo do ano con diferentes actuacións a cargo dalgúns dos artistas máis interesantes da escena nacional e internacional, pretendendo ser non só unha cita con varios dos nomes máis influentes do actual panorama musical, senón tamén unha plataforma para propostas menos populares pero de igual importancia artística.

Así, o próximo 25 de abril o Teatro Salesianos acollerá as actuacións da canadense Nina Nastasia e dos estadounidenses Low. O 14 de maio será a vez dos tamén estadounidenses Gang Gang Dance, que tocarán no Museo Marco.
1111495707josephine1.jpeg
1111495721josephine2.jpeg
1111495766josephine3.jpeg
Descargar todas as imaxes