Escoitar
A mostra pode contemplarse no Museo de Castrelos ata o vindeiro domingo, 27 de marzo

A exposición conmemorativa da unión de Vigo e Bouzas supera os 2.300 visitantes

A exposición "Bouzas-Vigo. Cen anos de unión", inaugurada o pasado mes de decembro e que se enmarca nos actos de conmemoración do centenario da unión de ambos os dous concellos, acadou ata o 28 de febreiro un total de 2335 persoas.

martes, 22 mar 2005
1111492525bouzas.jpg
"Bouzas-Vigo. Cen anos de unión" repasa a historia do municipio de Bouzas ata a súa unión co Concello de Vigo no ano 1904, as ferramentas empregadas nas diferentes industrias existentes na vila, todas elas relacionadas co mundo do mar, como son as artes de pesca, a carpintería de ribeira e a conserva, así como unha gamela de principios do século XX perfectamente conservada.

O espazo principal da exposición está ocupado pola sección "Bouzas no tempo", que se centra na historia de Bouzas como vila independente. A sección abrangue un período que vai da prehistoria ao ano 1904 e comprende feitos como a acta fundacional da vila, a idade de ouro dos séculos XVI e XVII, testemuñada pola igrexa de San Miguel, o devalar do XVIII e a recuperación do XIX, coa guerra contra os franceses e a implantación das industrias do mar.

O apartado histórico complétase cunha sección dedicada aos cen anos de unión con Vigo, nos que tivo lugar o desenvolvemento urbanístico e económico da antiga vila.

Por outra banda, a sección "Bouzas no espazo" permite aos visitantes achegarse á evolución física da vila e á súa privilexiada posición xeográfica dentro da ría.

A exposición recolle, ademais, os principais signos de identidade de Bouzas, como os fogos e festas do Cristo, os faluchos e o Rápido de Bouzas.

A mostra pode visitarse ata o domingo 27 de marzo de forma libre de martes a sábado, en horario de tarde, e o domingo en horario de mañá. Ademáis os escolares de teñen a oportunidade de realizar vistas guiadas pola exposición, que teñen lugar de martes a venres en horario de mañá. Pero tamén se poden realizar visitas guiadas polo casco vello de Bouzas, que se desenvolven os domingos pola mañá ás 11 e ás 12 horas dende a igrexa de San Miguel de Bouzas.

O marcado carácter da vila, e a súa personalidade demanda este tipo de visitas, como complemento a exposición para entender in situ, a constitución da vila dende o documento de doazón do rei Enrique de Trastamara, o bispo de Tui, no ano 1371, ata a súa unión ó Concello de Vigo, en Xaneiro de 1904.

A Igrexa de San Miguel de Bouzas, de onde parten as visitas, é un dos signos de esta vila. Construída no século XVI sobre un asentamento en roca, mantén unha organización clásica na portada.

Continuando pola mesma Igrexa, se pode recorrer a rúa dos Alfolíes, de marcada importancia na vila, xa que era nela onde se situaban, como o seu nome indica, os alfolíes, almacéns e salazóns do pescado. Era o alfolí un privilexio que contaban algunhas das vilas, e que foi concedido a Bouzas, na Carta Puebla do ano 1501, polo bispo de Tui e que provocou os celos da veciña vila de Vigo.

Nesta rúa existen expoñentes da arquitectura popular de Bouzas, como a Casa do Patín, construída no ano 1639. Consta de dúas plantas, na inferior, os almacéns, e na posterior, a vivenda, mostrando un tipo de arquitectura típica galega.

Paralela a rúa dos Alfolíes, sitúase a de Sebastián Elcano, onde se establecían as casas dos mariñeiros, a beira do mar, de tipoloxía significativa.

Saíndo por Sebastián Elcano se pode chegar á Praza de Urzaiz, que debe o seu nome ao famoso deputado vigués. E preto dela existira o edificio do Concello.

De esta praza, arranca a rúa do Pazo, na que se pode comprobar a existencia dunha fidalguía na vila de Bouzas, os Correa, os Cabral, os Pérez Ceta. Este asentamento fidalgo sucede sobre todo no século XVIII, época, curiosamente, de decaemento da vila, con índices de poboación moi baixos, e con as súas arcas en descenso.

Na rúa dos Ferreiros, consérvase o pazo dos Lira, familia nobre que volve a morar en Bouzas, dende Teis, no século XIX. Entre eles destaca Isidoro Araujo e Alcalde, fundador do Diario "La Marina", na cidade da Habana.

Termina a visita, como non podía ser, na Alameda de Bouzas, que ven sendo o lugar do mercado dende o século XVI e onde se situaba o campo de redes.

O número de participantes nesta actividades, que remata tamén o 27 de marzo, tense incrementado paulatinamente, chegando o pasado domingo a formarse grupos dunha ducia de persoas.
Descargar todas as imaxes