Escoitar

Lucía Molares despediu ao equipo que participa na Copa de España da clase Vaurien de Vela

A selección galega de vela acudirá ao embalse de Barrios da Luna, en León, a disputar unha das tres probas puntuables para o campionato de España. A concelleira Lucía Molares despediu ao equipo desexándolles o mellor resultado na carreira.

martes, 22 mar 2005
1111500016vaurien.JPG
A Concelleira de Turismo e Deportes, Lucía Molares, despediu hoxe no Náutico de Vigo ao equipo galego de vela que participará nunha das probas clasificatorias para a Copa de España da clase Vaurien, a disputar en León. A selección galega espera obter bos resultados nesta proba para definir os equipos que participarán no Mundial desta categoría (do 15 ao 17 de xullo en Sanxenxo).

As Concellerías de Turismo e Deportes están a levar a cabo un proxecto de patrocinio de deportistas vigueses que están a competir na elite da vela lixeira.
Con este fin, as dous concellerías unirán os seus esforzos para patrocinar o equipo que participará na Copa de España da clase Vaurien, que se disputará no embalse de Barrios de Luna (León) do 24 ó 27 de marzo, organizado polo Club Náutico de León e a Real Federación Española de Vela.

O equipo conformado por Xavier Porto, Alberto Martín, Pablo Cabello, Pablo Iglesias, Nacho Campos e María Campos, partirá hoxe, día 22, cara a León, onde navegarán con velas coa imaxe de marca de "Turismo de Vigo. A volta ó mundo nunha cidade."

Lucía Molares quere apostar polos xóvenes deportistas que están a despuntar no mundo da vela e que son auténticas promesas deste deporte. Cabe destacar que 4 dos 6 membros do equipo xa foron campións do mundo nalgunha ocasión, sendo o máis recente o conseguido en Punta do Leste por Xavi Porto e Alberto Martín o ano pasado.

Neste momento, Nacho e María Campos, son líderes provisionais do ranking nacional; Xavi Porto e Alberto Martín ocupan a segunda posición e Pablo Iglesias e Pablo Cabello a quinta.


Programación:

O día 22 parten cara a León, para realizar adestramentos durante todo o día 23. O xoves, día 24 será o día de medicións.

Os días 25, 26 e 27 disputaranse as probas. Están programadas 9 probas, que comezarán ás 12.00h., disputándose un máximo de 3 probas por día.

Está prevista a participación de uns 50 barcos de toda España. Entre os favoritos para facerse coa victoria están as tres tripulacións viguesas, que se atopan no seu mellor momento de forma, aínda que terán duros rivais como Javier Serrano e Rosa Foruria, de Castellón; Eliseo Belzunce e Ruth Aguado de Navarra; e Olatz Muñoz e Jaione Ayastuy, do País Vasco.
1111500016vaurien.JPG
1111500126Barco.jpg
Descargar todas as imaxes