Escoitar

Os amantes da poesía urbana teñen unha cita no Sonic Hip Hop Festival

Por primeira vez en Vigo celebrarase un evento totalmente orientado á que moitos denominan a cultura xuvenil do século XXI: o hip hop. Os amantes da poesía urbana e das manifestacións que a acompañan, como o breakdance, teñen unha cita no Sonic Hip Hop Festival, o próximo 29 de decembro no Pavillón de Coia.

venres, 17 dec 2004
1103291229hipi.JPG
O Pavillón de Coia será o escenario onde os mellores MC’s (mestres de cerimonia) e Dj’s estatais descargarán os seus potentes directos. Será o vindeiro 29 de decembro a partir das 18:00, na primeira edición do Sonic Hip Hop Festival, que contará coas actuacións de Solo los Solo, Shotta, Juaninacka, Meko, Roty 340 e Delahoja, ademais dalgún convidado sorpresa e o grupo de breakdance Black Shadows. Trátase dun cartel onde se mesturan artistas asentados xunto coas novas promesas do xénero, e que conta tamén con representantes da vigorosa escena galega.

Unha parte moi importante do Sonic Hip Hop Festival será a participación dos mozos vigueses. Para iso, ponse en marcha un concurso de maquetas co fin de elixir artistas e músicos da cidade que queiran participar no festival. Poderanse presentar maquetas ata o día 29 de decembro e os autores das tres que resulten seleccionadas participarán na festa de presentación do festival, que terá lugar o 23 de decembro na sala La Iguana Club. Nesta festa de presentación elixirase o grupo que representará a Vigo no Sonic Hip Hop Festival.

A concelleira de Xuventude, Lucía Molares, animou os mozos vigueses a presentar os seus traballos ao concurso "para que se poida desenvolver un festival moi participativo". Lucía Molares dixo que o Concello quere "darlle unha oportunidade aos grupos de Vigo, apoialos e relanzalos". O obxectivo do Sonic Hip Hop Festival é crecer e consolidarse en futuras edicións como un festival de referencia tanto en Galicia como en España.
Descargar todas as imaxes