Escoitar

"The African Children Choir" ofrecerá un concerto solidario no Teatro-Cine Fraga

O Teatro-Cine Fraga acolle mañá día 17 de decembro ás 20:00 a actuación de "The African Children Choir", un conxunto de trinta nenos orfos de Uganda e Ruanda que recadan cartos para os cativos do seu continente. Este coro é unha iniciativa da fundación Music for Life, dedicada á creación de colexios e centros de formación en África.

xoves, 16 dec 2004
1103205670africa.jpg
Axudar a África para que se salve por si mesma. Con esta idea veñen actuando en varios países do mundo os nenos de "The African Children Choir". Agora a súa xira chega a Vigo, onde pretenden continuar recadando cartos para mellorar as condicións de vida dos seus compañeiros africanos. Mañá día 17 de decembro, "The African Children Choir" ofrecerá as súas cancións e as súas danzas no Teatro-Cine Fraga a partir das 20,00, nun concerto que conta coa colaboración da Concellería de Cultura. As entradas custan 3 euros e están á venda na Teletaquilla de Caixagalicia e na Central de espectáculos.

Ignacio López-Chaves, concelleiro de Cultura, dixo esperar que a asistencia a esta actuación "sexa un manifesto de axuda aos nenos necesitados e sirva para recoñecer o traballo da fundación Music for Life e colaborar no desenvolvemento das actividades que leva a cabo". López-Chaves desexou que "acudan os nenos a ver nenos doutras culturas cantando".

"The African Children Choir" é un grupo de trinta nenos de Uganda e Ruanda. Todos eles son orfos, víctimas das guerra, da fame e da sida que asolan os seus países. A súa xira é organizada pola fundación Music por Life, que actualmente ten ao seu cargo uns 7.000 nenos e traballa en África para crear colexios e centros de formación. A idea de Music for Life de crear un coro de nenos africanos para recadar diñeiro xurdiu cáseque espontaneamente, xa que estes pequenos levan a música no corpo.

Aqueles que queiran colaborar con esta iniciativa de Music for Life poden facelo a través da conta aberta pola asociación española Música para Salvar Vidas en Caja de Madrid: 2038 2490 03 6000212062, ou ben chamando ao teléfono 91 849 90 15.
Descargar todas as imaxes