Escoitar

O Concello de Vigo e o grupo Aletheia promoven as XIV Xornadas de filosofía

Ditas xornadas celebraranse en Vigo entre o 13 e o 16 de outubro co título "Filosofía e Relixión: Encontros no Camiño de Santiago".

luns, 11 out 2004
1097503969Dsc00022.jpg
A Concellería-delegada da Área de Asuntos Sociais do Concello de Vigo e máis o Grupo Aletheia, unha organización sen ánimo de lucro, asinaron un convenio de colaboración para organizar conxuntamente as XIV Xornadas de Filosofía.
Esta iniciativa cultural, que se celebrará na cidade viguesa entre os días 13 e 16 de outubro, amosa xa no seu título a súa buscada relación coa celebración do Ano Santo: Adicada ó tema central "Filosofía e relixión: Encontros no Camiño de Santiago", desenvolverase co obxectivo de estudiar os novos retos culturais e relixiosos ós que se debe enfrontar a sociedade nun momento crucial do acontecer histórico, xusto no primeiro Xacobeo do terceiro milenio.

Os distintos pensadores de recoñecido prestixio incluidos no programa das Xornadas de Filosofía pretenden reflexionar sobre diversas cuestións que producen inquedanza na humanidade neste principio de século: a diversidade cultural e o multiculturalismo; o diálogo entre culturas; os fundamentalismos relixiosos e os problemas que levan aparellados; as dificultades de integración cultural e relixiosa; a caracterización do feito relixioso; e, finalmente, a relación orixinaria entre as tres grandes relixións monoteístas: xudaísmo, cristianismo e islamismo.
As diferentes conferencias previstas no programa das Xornadas, nas que poderán inscribirse de xeito gratuito tódalas persoas interesadas ata que se cubran as 200 prazas de inscrición previstas, terán lugar nos salóns de actos do Verbum-Casa das Palabras e do Centro Social Caixanova.

Conferencias e coloquios

A programación contempla unha mesma estructura de intervencións dos expertos para os tres primeiros días das Xornadas: comezarán ás cinco da tarde, cunha primeira conferencia; tralo coloquio, farase un descanso; a segunda ponencia iniciarase ás sete da tarde; logo do habitual turno para o debate, pecharase a programación de cada día arredor das nove e media da noite. Este horario amplíase no caso do mércores 13, día no que as sesións empezarán antes, ás catro e media, para acoller o acto de apertura.
O sábado 16, día da clausura, as ponencias celebraranse durante a mañán: a primeira intervención será as dez da mañán; logo do coloquio e do descanso, o segundo conferenciante tomará a palabra ás doce; o acto de peche das Xornadas terá lugar ás dúas da tarde.
Descargar todas as imaxes