Escoitar

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de convenio entre Concello, Zona Franca e IGVS para a constitución do Consorcio Interadministrativo Casco Vello

Será a entidade encargada de velar pola recuperación do casco histórico. O convenio supón unha inversión de 30 millóns de euros ata 2008.

luns, 11 out 2004
1097502611Dsc00008.jpg
A Xunta de Goberno local aprobou hoxe o convenio fundacional entre o Concello de Vigo, o consorcio da Zona Franca de Vigo e o Instituto Galego de Vivenda e Solo para a constitución do Consorcio Casco Vello de Vigo, que terá como finalidade a recuperación e rehabilitación do casco histórico da cidade.

Esta iniciativa supón unha inversión ata 2008 de 30 millóns de euros, dos que 15 millóns serán aportados pola Zona Franca, 12 millóns polo Instituto de Vivenda e Solo e 3 millóns polo Concello de Vigo. Para o cumprimento e control do conveniado constituíuse unha Comisión de Seguimento formada por membros das tres institucións.

Seguimento ás concesionarias

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou a constitución dunha Comisión especial de Seguimento que asegure o bo funcionamento dos servicios públicos que están en mans de empresas concesionarias, tales como a recollida de lixo, o saneamento e depuración das augas, o control técnico do tráfico ou o transporte urbano de viaxeiros.

A comisión estará formada polos seguintes funcionarios municipais: xefe do servicio de Investimentos, xefe do servicio de Electromecánicos, xefe do servicio do Laboratorio Municipal e Coordinador de Medio Ambiente, director dos servicios Técnicos da Xerencia de Urbanismo, xefe da Área de Mobilidade e Seguridade, e xefe do Control de Concesionarias.

Praza de Compostela

Outro tema aprobado na Xunta de Goberno é o da humanización das rúas do entorno da praza de Compostela. Nesta cuestión, a modificación máis salientable é no firme de rodadura, que será substituído por pedra. Tamén haberá suaves pendentes para distinguir as entradas ao área, bolardos de pedra que separen as beirarrúas da calzada e novo mobiliario urbano.
Descargar todas as imaxes